Dentro da campaña “Por unha mobilidade efectiva. En Vigo non imos esperar máis” que se está levando a cabo por parte do movemento veciñal de Vigo, onte xoves tivo lugar a primeira charla-coloquio na que participaron, xunto cos directivos da Federación Veciñal “Eduardo Chao”, directivos das Asociacións de Veciños de Teis, de Travesía de Vigo e do Casco Vello.
Tres foron os temas que centraron o debate e que mais afectan á veciñanza destes barrios de Vigo:
1 Transporte urbano
- A zoa leste de Vigo (Teis e Travesia de Vigo), na que se existe unha das maiores concentracións de habitantes da cidade, percibe como dun tempo a esta parte resulta mais difícil a mobilidade dentro da propia zoa e co centro. O transporte urbano, que se lograra mellorar a principio desta década coa reforma que se fixera naquel momento de acordo co movemento veciñal, tórnase insuficiente tanto en frecuencias como en cobertura.
- A liña C3 valórase moi positivamente polo traxecto que realiza e a puntualidade, se ben precísase unha maior frecuencia de ata 10 minutos.
- A liña C5 ten moi mala valoración tanto en frecuencia como en cobertura, xunto coa liña C2. Estas, que redundan co servizo que prestan as liñas C3, 10, 17 e 31, deberíanse replantexar de xeito que xurda, cando menos, un servizo circular que cubra o interior do barrio de Teis e o comunique eficazmente cos centros administrativos e asistenciais da cidade (hospitais, administracións públicas, centros educativos e centros comerciais).
- Tamén se detecta a dificultade para interconectar coas liñas circulares do centro e ó acceso ós centros neurálxicos da parte oeste da cidade (p.e: Centro de Especialidades de Coia, etc).
- Na actualidade todas estas liñas pasan polo funil da Porta do Sol provocando retrasos innecesarios.
- Nos fins de semán todas estas liñas sofren importantes mermas derivado de que se reducen as frecuencias e as coberturas. Isto vese claramente que a liña 31 de acceso ao Meixoeiro ten unha frecuencia de cada hora.
- No centro de Vigo, particularmente na Porta do Sol, existe unha concentración de liñas de transporte tal que nestes momentos, coa humanización realizada na zoa, resulta complexo determinar cal é o autobús a empregar e, o que aínda é mais grave, prodúcese un atasco de autobuses que fai de tapón de todo o sistema de transporte da cidade. Isto acompañado coa imposibilidade de achegarse ao centro urbano en vehículo a un prezo razoable, provoca un grave problema de mobilidade ao que cómpre porlle remedio axiña.
2 Vías de comunicación
- Comunicacións do barrio de Teis coa Circunvalación de Vigo. Esta antiga reclamación do barrio de Teis consiste en que se trata do único barrio que non dispón dunha conexión directa con esta vía estructurante. Isto provoca que todo o transporte pesado da industria procedente de Guixar ou de Chapela teña que atravesar o barrio para entrar pola rúa Bos Aires, ou que para acceder a Teis dende Rande-Puxeiros non quede outra alternativa que ou saír pola rúa Bos Aires ou pagar a peaxe de Redondela. Vese imprescindible que o Ministerio de Fomento aborde tanto a citada conexión directa como a liberación da peaxe que grava os concellos de Redondela e Soutomaior, e que bloquea unha liña natural de comunicación.
- A Asociación do Casco Vello pon de manifesto a súa reivindicación de que resulta necesario o soterramento nun único túnel da avenida de Beiramar, incluíndo o tramo situado fronte á praza do Berbés, cun par de carriles de tráfico superior para a comunicación con Teófilo Llorente e Cánovas del CAstillo pero de prioridade peonal.
3 Aparcamento
- As asociacións veciñais participantes perciben a necesidade de buscar unha solución aos problemas de aparcamento que existen na parte leste e centro da cidade, e que cada vez se acentúan mais coa inaccesibilidade ao casco urbano. Neste sentido resulta imprescindible abordar solucións de aparcamento soterrado con prezos accesibles e un sistema de propiedade acorde para os residentes e tamén con prezos asequibles para aqueles usuarios que estacionen o seu automóbil para o uso do transporte urbano.
- En Teis e Travesía de Vigo, dada a antigüedade das vivendas e as condicións socioeconómicas, resulta imprescindible buscar unha solución de grandes aparcamentos en superficie e que se conecte fácilmente co transporte urbano. Este plantexamento está xa recollido no Plan Xeral de Ordenación Urbano e cómpre polo en funcionamento o mais axiña posible.
Á vista de todo o exposto, e tendo en conta que a semán que ven iniciase os traballos do segundo grupo de reflexión (San Xoán Poulo, Sampaio, Lavadores, Vilar, A Doblada, San Roque), hoxe mesmo foi entregada por rexistro a solicitude de convocatoria do Consello Municipal de Transportes. Lémbrase nese escrito a obrigatoriedade de convocatoria trimestral do mesmo, o cal lévase sen facer nos dous últimos anos. Nese mesmo escrito solicítase a participación da Concellería de Mobilidade, Transporte e Seguridade nas xornada que se vai celebrar o día 11 de novembro.


