A dificultade para acceder aos servizos de saúde, un transporte público que dea servizo ao interior das parroquias, aparcamentos disuasorios e novos viais de interconexión algunhas das problemáticas e conclusións
Directiva da FAVEC e das Asociacións Veciñais da primeira coroa interurbana: Lavadores, Sampaio, San Xoán Poulo, San Roque e A Paz, reuníronse para analizar as problemáticas comúns en materia de transporte e mobilidade dentro da campaña “Por unha mobilidade efectiva. En Vigo non imos esperar máis”

O grupo de traballo reuniuse na A.V. "Agarimo" de San Xoán Poulo
Tres foron os temas que centraron o debate sobre as problemáticas que máis afectan á veciñanza destes barrios de Vigo en materia de transporte e mobilidade:
1. Mobilidade nos entornos sanitarios
Centro Hospitalario do Meixoeiro. Existe un grave problema para acceder empregando o transporte público desde Sampaio ou San Xoán Poulo xa que os trasbordos son complexos e o percorrido extenso. Isto provoca que a meirande parte dos veciños e veciñas accedan en vehículo, atopándose entón un grave problema de aparcamento, sobre todo a primeiras horas da mañá.
Hospital Xeral. Un problema semellande de difícil acceso en transporte público é o que se atopan os veciños da contorna de Martínez Garrido e Gregorio Espino. Tampouco está resolto o problema do aparcamento na contorna deste hospital.
Hospitais de Povisa e de Fátima. Logo da recente humanización, o acceso a Povisa está colapsado e a posibilidade de aparcar na zona resulta pouco menos que imposible o que deixa como única alternativa acudir aos aparcadoiros de Independencia ou Pintor Colmeiro e pagar uns prezos desorbitados. Tamén o peche do “pseudoaparcamento” do que dispuña Fátima fai moi difícil desprazarse á zona en vehículo particular.
Centros de saúde da Doblada e de Sárdoma. Referentes para as parroquias participantes neste grupo de traballo. Non existe un adecuado servizo de transporte público e por outra banda prodúcense graves problemas de aparcamento para acceder a eles, o que provoca situacións incómodas e colapsa o aparcamento da zoa.
2. Transporte público urbano
As liñas de autobuses pasan polas vías principais dos barrios deste grupo pero quedan desatendidas as zoas interiores. Isto ponse de manifesto claramente en Lavadores e Vilar, que demandan unha liña circular de barrio que permita acceder aos seus veciños a Ramón Nieto ou a Martínez Garrido. Esta mesma circunstancia se percibe en San Xoán Poulo e Sampaio.
Unha das problemáticas que máis afecta a estas parroquias é a escasa frecuencia dos autobuses, así como as horas de inicio e fin do servizo. Por exemplo a Liña 6 só ten frecuencia dunha hora pola semana e de 2 horas os festivos. As liñas inician o servizo ás 6:00 e rematan ás 22:00 cando deberían comezar ás 5:00 e rematar a partir das 23:00.
Algunhas liñas como a liña 2 é excesivamente longa, de xeito que cando se pretende empregar para retornar faise un recorrido por todo Vigo, polo que precisarían dun servizo inverso.
A estación de autobuses está moi mal comunicada co transporte público urbano.
3. Vías de comunicación
Considérase prioritario abordar con urxencia un vial de interconexión das parroquias como é a Ronda no seu paso polas áreas deste grupo. Esta infraestrutura, de vital importancia para a mobilidade en todo Vigo, ten que ir acompañado por unha resolución xusta das expropiacións. Neste senso esíxeselle á Xunta de Galicia que detalle claramente cal vai ser o proceso de expropiación e que non deixe a veciños sen vivenda.
Cómpre acompañar a construción deste vial coa creación de aparcamentos disuasorios tanto na zoa da Avenida de Madrid como en Puxeiros, de xeito que compense deixar os vehículos neses aparcamentos que deben estar á súa vez ben comunicados coa rede de transporte público urbano e metropolitano.
Ata o vindeiro mércores 4 de novembro a mostra itinerante da campaña, que recolle testemuños persoais de diferentes poblemáticas de transporte poderá visitarse na A.V. “Agarimo” de San Xoán Poulo (rúa Vista do Mar, nº6). A partir desta data a exposición trasládase a Cabral onde comezará a traballar o terceiro grupo de reflexión conformado por asociacións da segunda coroa de Vigo: Cabral, Maceiriña, Candeán e Beade.
Toda a información sobre a campaña estará dispoñible neste blog aberto á participación da cidadanía e no que se pode deixar constancia das problemáticas, queixas e opinións en materia de transporte e mobilidade.


