A orixe da campaña
O movemento veciñal de Vigo, na asemblea realizada o 26 de setembro, vén de aprobar a Campaña de incidencia social e política denominada “Por unha mobilidade efectiva. En Vigo non imos esperar máis” que se vai desenvolver durante todo o outono.
A análise que se presenta na sección “Denunciamos” foi realizada dende o mes de maio a través das 9 xuntanzas da Federación Veciñal Eduardo Chao (FAVEC) coas distintas asociacións veciñais, así como a cobertura dunha enquisa exhaustiva entre elas. Despois dunha análise detallada, chegouse á conclusión que unha das necesidades máis destacadas dos veciños e veciñas de Vigo é abordar a mobilidade en tres dimensións:
- Mobilidade no centro urbano, coa problemática de saturación de tráfico, do aparcadoiro en superficie para residentes e a problemática do elevado custo do aparcadoiro subterráneo se é preciso empregar habitualmente o automóbil.
- Mobilidade entre as parroquias e o centro urbano, con problemas relacionados co transporte urbano (frecuencia, transbordos, trazados, etc).
- Mobilidade interurbana, sen servizos suficientes, sen coordinación dos servizos existentes, cun custo tan elevado que sae máis económico o emprego do coche, etc.
Os obxectivos da campaña
- Sensibilizar os veciños e veciñas de Vigo e da súa área metropolitana sobre a necesidade de abordar sen demora a ordenación da mobilidade dun xeito áxil, económico e respectuoso coa contorna.
- Demandar do Concello de Vigo, da Xunta de Galicia e das restantes administracións implicadas, que se executen os acordos existentes nesta materia dun xeito coordinado
- Solicitar a convocatoria dos órganos de participación cidadá nos que se teñen que debater os temas relativos a transporte e mobilidade.
A experiencia vivida nos anos 2000 e 2001 de intenso traballo entre o Concello de Vigo e o movemento veciñal permitiu naquel intre mellorar significativamente os trazados de transporte urbano en Vigo. Dende entón non se volveu abordar este tema, sabendo que moitos foron os cambios existentes. Pero claramente ao transporte urbano hai que engadir o transporte metropolitano. Noutras áreas metropolitanas do Estado semellantes a Vigo o tema está resolto: existen consorcios de transporte metropolitanos, sistemas de abonos metropolitanos que fomentan o transporte público, evitan conxestións e contaminación e son asequibles.
As accións da campaña
- Accións no movemento veciñal
- Exposición itinerante de campaña: 6 asociacións (Teis, San Xoan Poulo, Cabral, Zamáns, Castrelos e Camiño Vello) durante 3 meses.
- Charlas-coloquio nas 6 asociacións.
- Accións de sensibilización externa:
- Xornadas sobre a “Mobilidade en Vigo e área metropolitana”
- Mesa de administracións públicas (17 novembro)
- Mesa de axentes sociais (18 novembro)
- Acción de visibilidade e participación cidadá.
- Xornadas sobre a “Mobilidade en Vigo e área metropolitana”
- Accións de incidencia:
- Solicitude de convocatoria do Consello Municipal de Transportes e de Mobilidade, así como a participación na elaboración do Plan de Investimento Local para 2010.
- Solicitude de entrevista as Administracións públicas para presentar a Campaña e propostas asociadas, así como solicitar a súa presenza nas Xornadas.
- Participación activa nas comisións metropolitanas, e demanda da súa convocatoria se procede.
- Participación e traballo en rede con outros colectivos.
- Coordinación de estratexia coa Cogave.


