- Non se están acometendo seriamente os problemas de mobilidade tanto dos residentes no centro urbano –de alternativas reais de transporte urbano, falla de estacionamentos, etc-, como dos veciños que proceden das parroquias de Vigo –o transporte público non cobre as súas necesidades e co coche dificilmente se pode acceder ao centro urbano- ou da área metropolitana –non é factible intercambiar medios de transporte dun xeito áxil e económico, non existen aparcadoiros ás entradas da cidade, etc-.
- Séguese apostando polo automóbil como medio de transporte –co conseguinte malgasto en combustible e contaminación- e como vía de recadación, tanto a través dos aparcadoiros soterrados (vénse de presentar un plan de 11 novos aparcadoiros, aos que moita xente non poderá acceder) como do sistema de multas (140.000 en 2008; ou sexa, 1 ou 2 por familia).
- Vigo, e sobre todo, o seu centro urbano está ao límite de saturación, que se agrava co feito de que os servizos administrativos, sanitarios e comerciais da área metropolitana están no centro urbano –Povisa é centro de referencia para o Morrazo, os xulgados, o edificio administrativo da Xunta, boa parte dos centros comerciais e dos comercios especializados, etc-. Isto aínda é mais sangrante se engadimos a carga e descarga en determinadas horas.
- As obras de humanización no centro urbano de Vigo, que en principio son desexables, fanse sen un criterio claro –p.e: ¿como se vai acceder ao centro de Vigo proximamente?-, fanse todas simultaneamente –cos conseguintes colapsos, distorsión do transporte urbano, crispación, incremento de multas, imposibilidade de circular persoas con mobilidade reducida, etc- e sen consultar cos veciños implicados e, polo tanto, sen contar coas achegas dos que se benefician ou, se se fai mal, as padecerán de por vida.
- No Concello de Vigo, o Consello Municipal de Transportes e o Consello Municipal de Mobilidade non se reúnen coa periodicidade prevista (trimestral) nin exercen como verdadeiros órganos de deliberación das necesidades da veciñanza. Vigo, que na década dos noventa se atopaba na vangarda da democracia participativa, estase convertendo no “último da fila” -no informe do Valedor do cidadán indícase que dous terzos da poboación considera insuficientes as oportunidades de participación local-. Por exemplo en 2001, no Consello M. de Transporte revisárase co movemento veciñal os traxectos das liñas, as paradas, etc.
- Non está posto en funcionamento por parte da Xunta de Galicia un sistema de transporte público económico e áxil para a área metropolitana, que fai que unha parte significativa da renda ten que dedicarse a pagar o desprazamento ao traballo –p.e: adquisición de segundo coche e gastos asociados- e que persoas con ingresos modestos que non viven no centro urbano teñan custos maiores por ter que desprazarse ata, por exemplo, un hospital ou un edificio administrativo. Tampouco un traballador/ra que teña que desprazarse aos polígonos industriais do Porriño ou de Mos o poden facer dun xeito económico, chegando nalgúns casos a ser un motivo para ter que rexeitar unha oferta de traballo. Isto non pasa noutras áreas metropolitanas do resto do estado español.
Suscribirse ao rss