
O anuncio da admisión de dúas ofertas de dúas UTE que concorren á concesión do futuro novo hospital de Vigo, representa unha demostración máis do desprezo do actual goberno da Xunta de Galicia ao conxunto da cidadanía de Vigo que de xeito masivo rexeita o modelo privatizador que promove, como quedou patente nas dúas macromanifestacións celebradas na nosa cidade.
A Federación Veciñal quere expresar con rotundidade o seu completo rexeitamento e absoluta oposición á pretensión da Xunta de Galicia de converter unha infraestrutura sanitaria fundamental como é o novo Hospital nun zumento negocio lucrativo para o capital privado, que ademais multiplicará por sete os custos. Esiximos un Hospital 100% público, tanto na súa dirección e xestión coma no seu financiamento, como único xeito de salvagardar o dereito fundamental a unha asistencia sanitaria pública, gratuíta, universal e de calidade.

Onte, luns 9 de agosto, a partir das 20h celebrouse unha xuntanza entre unha delegación da Comisión Permanente da FAVEC e representantes da Rede Social Galicia Sur que aglutina a numerosos colectivos sociais e ONGs.
O encontro que se prolongou por espazo de hora e media, nun clima de colaboración, estivo centrado no tema do Centro de Emerxencia Social (popularmente denominado “albergue”). Ambas entidades coinciden na necesidade vital desta dotación para a nosa cidade, ao tempo que lamentan o feito de que o sentir unánime da cidadanía de Vigo que a demanda non estea correspondido co necesario consenso político.

Dende o compromiso histórico da FAVEC coa reivindicación dos dereitos da muller, a nosa entidade está colaborando e participando en todos os actos conmemorativos que se organizan con motivo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, dende o Consello Social da Muller.
Para completar a celebración de todos estes actos, a Vogalía de Igualdade da FAVEC organiza unha obra de teatro na asociación veciñal "Monte da Mina" de Castrelos, O enfermo imaxinario, de Moliere. Será o xoves 12 de marzo ás 19.30 horas.