| Sen eventos |
Estrada de Coutada, 42
36212 Vigo
Teléfono
986 21 09 67
Fax
986 21 12 16
Email
Este enderezo de correo electrónico está protexido contra os robots de spam; necesita ter Javascript activado para podelo ver
Presidente
Manuel Doval García
A A.V. de Beade ten o seu xerme nun grupo de veciños que se agrupan para facer máis forza na fronte común das reivindicacións en torno a súa parroquia a á súa colectividade. Con ese fin, e froito do afán e a ilusión dalgúns veciños, nace a A.V.C.U. de Beade que vai xa camiño de trinta anos.
As necesidades que por aquel entón ían marcando a vida cotiá da parroquia, fixeron posible o nacemento da Festa da Cereixa, co fin de axudar ao engrandecemento dun produto que sempre marcou fito en Beade. Grazas ao traballo da asociación e de toda a veciñanza da parroquia hoxe en día esta festa non só marca un punto de referencia no calendario da parroquia, senón en todo Vigo e a súa área metropolitana.
Dentro da incesante actividade da Asociación veciñal e Centro Cultural de Beade podemos facer unha subdivisión entre varios apartados e falar de cursos permanentes, temporais, agrupacións e servizos sociais.
Cursos permanentes. Ao longo do ano a asociación dispón dunha completa oferta formativa para todas as idades, así podemos citar por orden alfabética que se suceden dende outubro e ata o mes de xuño do ano seguinte: acordeón, automaquillaxe, bailes de salón, bolillos, danza moderna, gancho, informática, ioga, manualidades, patinaxe, pintura, saber adelgazar, reciclaxe e ximnasia feminina. Ademais dos citados, existen outros moitos cursos temporais que van xurdindo durante o ano e que imos incorporando á nosa oferta.
Agrupacións culturais. Acorde coa filosofía de potenciar e promover a cultura de base, a asociación conta con grupos de baile galego, cantareiras, cordas clásicas, coral, cornetas gaitas e tambores, gaita, teatro e rondalla.
Servizos sociais. Traballan o benestar e prestan servizo á comunidade como o de acción social, asistente social, servizos xurídicos con avogado, información ao consumidor, masoterapia e servizo e asesoramento en urbanismo.
Esta asociación caracterízase pola toma de decisión conxunta na que cabe salientar dentro do seo da asociación o chamado “Consello Parroquial” que funciona dende hai aproximadamente oito anos e que ten como obxectivo xuntar a todos os colectivos para acadar unha maior forza nas reivindicacións parroquiais.
Esta asociación traballa cada día para espertar na veciñanza a idea fundamental do nacemento asociativo e mentalizados no lema: “unha asociación veciñal chegará exactamente ata onde os veciños queiran” e nós queremos ser un centro de expansión e desenvolvemento para lograr unha parroquia con dinamismo, con empuxe para medrar como asociación e facer Beade máis grande e máis confortable.
Os tempos nos que vivimos obrígannos a vivir asociados e unidos en colectividade para conseguir as reivindicacións con máis garantías de éxito. A definición histórica do home “animal social e racional que vive en colectividade” ten que atoparse na mente de todos e todas.
Temos que pasar de ler na prensa ou escoitar nos medios de comunicación as novas da nosa parroquia ou cidade e permanecer inmóbiles, a reaccionar dun xeito activo e loitar, sempre dentro das regras de convivencia, por mellorar todo o que sexa posible; e iso tan só se consegue asociándose.