AA.VV. Federadas
Listado
Candeán Rúa Devesa, 25
36317 Vigo
Teléfono
986 26 13 65/66
Fax
986 26 13 65
A parroquia de Candeán leva a situarnos entre os montes da Madroa e o Vixiador; xa o sitio non é malo como excelentes as vistas, con abundantes restos arqueolóxicos que fan pensar que foi un grande núcleo de poboamento. Constitúese como parroquia aló polo século XVIII.
San Cristovo de Candeán dedícase principalmente aos labores agrícolas, millo, patacas, viño e demais exquisiteces que, xunto á gandaría doméstica como porquiños, pitas, tenreiras ou vacas, fannos pensar que os nosos antepasados eran uns tipos listos e estaban ben mantidos.
Nos últimos anos a parroquia vén experimentando un espectacular aumento da poboación que vén a mudar a paisaxe, pasando do marcadamente rural ao residencial, ou sexa, do fouciño ao cortacéspede, ou tamén de coidar as presas para regar os campos a coidar as piscinas para nos bañar. Isto é Jolibut.
Aínda que xeneralizar non é bo, se mirando para o noso pasado máis recente, pódese dicir que as xentes de Candeán son moi traballadoras e tamén moi festeiras. Dende a asociación traballamos para que as festas de San Cristovo e Santa Ana, San Xosé e San Benito do Monte Pequeno, San Xoán, San Vixiador e as Candeas sigan sendo algunhas das máis sonadas.
En Candeán non só nos xuntamos para as festas, xuntámonos tamén para reclamar os nosos dereitos como cidadáns, xuntámonos para coidar e ordenar os nosos montes, xuntámonos para actos culturais e deportivos.
A Unión Veciñal Cultural é Deportiva de Candeán, é a responsable de dar forma e consolidar esta unión; a encargada de dar curso ás demandas da veciñanza, (saneamento, luz, trasporte etc), a dinamizadora cultural (con grupo coral, banda de música, grupos de baile, etc) e deportiva apoiando as diferentes prácticas e organizando todo tipo de torneos e competicións (fútbol, tiro arco, petanca, etc).
Esta entidade funciona ademais como Centro Antena de Informática achegando a formación nas novas tecnoloxías e facilitando o acceso a internet na parroquia.
A nosa filosofía de actuación é o traballo en equipo, no que cabe salientar a vogalía da muller e vogalía xuvenil: xentes con similares inquedanzas que se unen para facer dos seus proxectos unha realidade.
Con preto dos 1.500 socios e socias a U.V.C.D. de Candeán pasa por ser unha das asociacións máis amplas da comarca, tanto en número de socios como na oferta de actividades para os mesmos, ¿cres que todo isto sería posible sen contar contigo? Candeán ten un espazo para ti, así que non o penses máis: achégate e participa.