| Sen eventos |
AA.VV. Federadas
Listado
Doblada - A Paz Rúa Pardal, 14 baixo
36205 Vigo
Teléfono
986 26 11 05
Fax
986 26 11 05
Email
Este enderezo de correo electrónico está protexido contra os robots de spam; necesita ter Javascript activado para podelo ver
Presidente
José Antonio Graña Nogueiras
A A.V. A Paz nace nos albores dos anos 80 en torno a un barrio emerxente que xurdía na zona da Dobrada e que estaba a ser abandonado polas institucións e deixada a súa configuración ao rumbo das fortes presións e beneficios inmobiliarios. En poucos anos terreos e casas baixas viñeron a reconfigurarse en altos edificios e o barrio pasa de 3.000 a 10.000 habitantes, dando un barrio novo cunha estrutura e idiosincrasia propias.
Neste contexto o modelo de xestión veciñal do Calvario, unha zona xa consolidada con centro e dinámicas propias, non servía para dar resposta ás necesidades deste barrio emerxente cunha poboación nova e con problemas propios. É por esta razón pola que na nacente Dobrada xorde a A.V. A Paz, froito da ilusión por facer barrio.
Unhas das áreas de traballo vai dirixida a potenciar a formación, autoestima e nivel cultural do barrio. Neste sentido organizamos cursos que non só proporcionan coñecemento, senón tamén facilitan que a xente se coñeza e comparta mentres aprende. Son comúns as charlas e mesas redondas onde a veciñanza ademais de informarse comparte os seus puntos de vista. A vida saudable tamén ten a súa expresión en actividades deportivas, saídas e excursións.
Os nenos e nenas xogan un papel especial nunha chea de actividades que máis que o espectáculo buscan a participación e que a xente se coñeza, comezando polos máis cativos para os que existe un grupo de teatro no que son os protagonistas, festas e deportes como o fútbol para nenos e maiores son a plataforma perfecta para que pais e fillos aprendan a convivir cunhas normas tanto se teñen éxito coma se perden.
A outra área xira en torno ao arranxo e mellora continuada do barrio onde a asociación está a traballar na recuperación do Campo da Pega, o arranxo do Campo do Merlo e o de voleibol da rúa Anduriña. Entre os logros están o de conseguir no barrio un novo parque, na rúa Canario (unha loita de anos pola necesidade dos moitos nenos-as que temos no barrio) e a conservación do carballo da rúa Gregorio Espino, grazas á colaboración e apoio da veciñanza do barrio.
Posuímos un dossier actualizado no que recollemos, tramitamos e levamos seguimento das denuncias de limpeza, arranxo de vías e obras, seguridade, saneamento e abastecemento.
Ademais estanse a levar a cabo xestións para a mellora do transporte público e ampliar o percorrido do C2, aumento de frecuencia do C4 e o servizo de praias no verán.
A A.V. A Paz está sempre aberta á participación, a nosa razón de ser parte e baséase na mesma. Nun barrio froito de grandes intereses inmobiliarios, se non loitamos todos-as, xuntos-as a calidade de vida irá deteriorándose. É preciso que participes para que o futuro do barrio responda ás túas expectativas.
Se te asocias poderás facer cantos cursos e actividades desenvolve para ti esta asociación. A túa participación non só permite que construamos un barrio de calidade, senón que te beneficia a ti mesmo a partir da mellora persoal mediante a práctica do deporte, a formación e a cultura.