AA.VV. Federadas
Listado
Lavadores Avda. Ramón Nieto, 302
36205 Vigo
Teléfono
986 37 96 18
Fax
986 37 96 18
e-mail
Este enderezo de correo electrónico está protexido contra os robots de spam; necesita ter Javascript activado para podelo ver
Web
http://www.avlavadores.org
Emilio Pazos González
A Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de Lavadores está entre as primeiras constituídas en Vigo e Galiza. Nace en 1976, aínda que os seus fundadores xa loitaban dende varios anos atrás. Xa dende entón os seus obxectivos poden resumirse en participar, reivindicar, facer barrio, facer cidade, colaborar de forma coordinada con outros movementos sociais acadar os obxectivos propostos.
Integramos unha entidade aberta a toda a veciñanza de forma permanente. As actividades que se desenvolven son moi variadas, dependendo de cada unha das comisións ou vogalías que as leven a cabo: cultura, saneamento, muller, vías e obras, urbanismo, etc. Todas elas traballan a favor dos veciños-as, e realizan dende actividades culturais para dinamizar a vida do barrio, ata actos reivindicativos a favor do barrio e tamén labor de mediadores para o arranxo dos problemas que poidan xurdir na zona.
A maiores a asociación ten un convenio co Concello de Vigo para xestionar a ludoteca municipal sita nas nosas instalacións. O labor desta entidade é unha das máis relevantes na asociación, xunto coas actividades lúdicas que se fan tódolos días e que enchen as instalacións de xente que acode para ter un tempo de distensión, alegría, un momento para compartir experiencias cos demais.
Estas actividades son moi variadas: ximnasia, aeróbic, bailes de salón, baile galego, escola de gaita, tai-chi, ioga, ximnasia rítmica (cun equipo federado con gran nivel competitivo), tapicería, alfabetización, banda de música, xadrez, bordado, palilleiras, corte e confección, patchwork, informática, inglés, etc. Contamos con grupos como o de baile galego “Froles Novas”, grupo de gaitas “Meigallos de Lavadores” e grupo de pandeireteiras “Tarambainas”. Todo isto se complementa con outros eventos e actos puntuais organizados conxuntamente pola vogalía da muller e pola vogalía de cultura: trátase da celebración e conmemoración do Día Internacional da Muller, o Días da Letras Galegas, San Xoán, o Nadal, etc.
Cabe salientar que nas mesmas instalacións teñen a súa sede Asociación de Xubilados e Pensionistas “Vila Galicia”, que se xuntan tódolos martes e venres para pasar unhas horas de ledicia á vez que organizan actividades de voluntariado nas residencias. Outros colectivos que tamén teñen sede no local son a Asociación de Afectados pola Rolda de Vigo e a Comunidade de Montes en Man Común de Lavadores.
A asociación de Lavadores pon a disposición do barrio diferentes equipamentos como unha pista polideportiva que é utilizada por varios colexios da zona e outros colectivos deportivos e polos nenos e nenas da zona.
Dende esta entidade queremos facer un chamamento a tódolos veciños-as da parroquia de Lavadores para convidalos a participar tanto nas actividades que desenvolvemos ao longo do ano como na organización das mesmas e loitar por que o movemento asociativo siga medrando.
As portas da asociación están abertas para todos e todas, facendo unha especial mención á xente nova, que consideramos de especial interese para o achegamento de novas ideas e iniciativas. Todos xuntos-as seremos quen de levalas a cabo: achégate a participa!