| Sen eventos |
AA.VV. Federadas
Listado
Navia Rúa Bravo, 6
36212 Vigo
Teléfono
986 24 15 34
Fax
986 24 15 34
Email
Este enderezo de correo electrónico está protexido contra os robots de spam; necesita ter Javascript activado para podelo ver
Presidente
Francisco Xosé Piñeiro Lorenzo
A Asociación Veciñal de Navia formouse no ano 1978 como resultado do esforzo colectivo, solidario e desinteresado de moitas persoas que, a cotío, con pequenas ou grandes mudanzas, fan máis amable e humana a nosa convivencia.
Con toda a ilusión do mundo e tras o paso de 6 xuntas directivas, puxéronse en marcha diferentes iniciativas como a construción do local social, a publicación dunha revista e a revitalización de festas populares (algunhas xa esquecidas da memoria colectiva da parroquia como a Noite do Samaín e a Festa dos Maios), competicións deportivas e todas aquelas actividades culturais que os veciños e veciñas de Navia demandan (teatro, coral, cursiños de pintura, gaita e percusión tradicional, ioga, bailes, tai chi, ximnasia, proxección de películas, exposicións, etc.).
A Asociación Veciñal de Navia reflicte e é parte da vida democrática da cidade e, en moitos casos viuse, e vese, na obriga de enfrontarse á decisións políticas arbitrarias, contrarias ás necesidades e ás arelas da cidadanía (incineradora, a aprobación do plan de urbanización de Samil, peche da farmacia ou a modificación do nome da rúa de “Baixada a Samil”), problemáticas que se resolveron ou se están a resolver porque contan co apoio e a participación de todos e todas os veciños e veciñas.
Os veciños e veciñas que participamos da asociación non nos conformamos con ver para atrás o feito, senón o moito que aínda nos queda por facer: está xa en marcha un curso de atención xeriátrica e unha cooperativa de vivendas, queremos darlle continuidade á festa do Samaín -para que sexa unha celebración senlleira dentro do calendario cultural do Concello- e a dos Maios, mellorar o transporte público –agora ampliado cunha liña máis de autobús urbano, a liña 13-, o abastecemento de augas –que rebenta de seguido-, a rede de saneamento –depuradora-, a seguridade do tráfico rodado e dos peóns, e dar pulo á participación da mocidade e da muller –aínda que para isto último sexa necesaria tamén co-participación no ámbito doméstico-.
As veciñas e veciños de Navia temos nestes momentos dous retos importantes para a parroquia, un é o correcto desenvolvemento do PAU de Navia e a súa integración na parroquia. O outro desafío é o novo PXOM sobre o que xa se mantivo aberta unha oficina de información pola que pasaron multitude de persoas, e deron en diferentes alegacións que teñen en común a defensa do interese xeral e o benestar de toda a cidadanía.
As persoas que participamos nesta asociación contemplamos con devezo moitos proxectos como a renovación do contorno da Devesa ou a reforma do local social para continuar a dinamizar a vida na parroquia. Precisamos da unión e da participación para continuar inquebrantébeis ao desalento, en todo este relatorio de reivindicacións “históricas” da parroquia e participar e apoiar todos os esforzos e movementos que signifiquen unha mellora na calidade de vida da cidadanía e un maior e mellor grao de democracia.