AA.VV. Federadas
Listado
San Xoán Poulo - Agarimo Rúa Vista do Mar
36206 Vigo
Teléfono
986 37 86 99
Fax
986 37 86 99
Email
Este enderezo de correo electrónico está protexido contra os robots de spam; necesita ter Javascript activado para podelo ver
PresidentaConcepción Pérez Eiroa
A Asociación de Veciños de San Xoán Poulo comezou a súa andaina como tal no 1978 da man dun grupo de veciños voluntariosos e con moita capacidade de xestión de traballo. Tiñan nas súas inquedanzas un proxecto común que era o de mellorar as condicións de vida dos seus veciños tanto nas reivindicacións de melloras en infraestruturas como no eido cultural, social, deportivo..
Foron aqueles anos duros, a democracia acabada de estrear, aínda non tiña os canles suficientes para darlles saída ás demandas das asociacións veciñais, que se ían sucedendo en avalancha no Concello. A pesar desta situación estas persoas foron quen de manter vivo o movemento veciñal no barrio e acadaron melloras que hoxe estamos aproveitando todos os veciños.
Actuar ante as demandas prioritarias. Na asociación estamos a desenvolver un importante labor para dar resposta ás necesidades do barrio e acadar unhas melloras tan básicas como numerosas: beirarrúas, cunetas, arranxar lavadoiros, reordenar o tráfico, acometer a canalización das augas, facer un novo valo perimetral e cubrir a pista do campo de fútbol sala e novos vestiarios, ampliar e dotar de máis xogos o parque infantil, renovar o colector do saneamento do camiño da Devesa e recuar os perigosos postes de Fenosa do medio da vía pública e mellora da limpeza representan algunhas delas.
Convivencia veciñal. A asociación organiza todos os anos xornadas de convivencia veciñal nas que se reúnen xunta directiva con toda a veciñanza para pasar un bo lecer, recuperar as tradicións e poñer en contacto as xentes do barrio. Xornadas como a Sardiñada de San Xoán, na que ademais de sardiñas ofrecemos pan, viño e amenizamos con actuacións folclóricas, a exposición dos traballos feitos nos distintos cursos, o Magosto, Festa do Entroido con concurso de disfraces e actuacións, Día das Letras Galegas, excursións e Festa fin de Curso.
Deportes. Área na que a asociación funciona como dinamizadora organizando o Torneo de Cachibol, no que a asociación participa con dous equipos propios integrados por persoas maiores de 55 anos e o Torneo Agarimo de Fútbol Sala onde participa cun equipo federado.
Cursos. Ano tras ano gozamos dunha variada oferta de cursos que imos actualizamos segundo a demanda existente no barrio. Teñen lugar na actualidade os de danza moderna, traballo en coiro, tai chi, alfabetización, ximnasia, cachibol, ioga, sevillanas, palilleiras, pachtwork, pintura, labores do fogar...
Defender os intereses xerais dos socios e veciños na súa calidade de usuarios e destinatarios finais da actividade cultural, deportiva, educativa, sanitaria, social, económica, política, urbanística, medioambiental.., son algunhas das funcións que precisan que todos e todas traballemos xuntos-as dende a forza que fai a unión.