Rúa Genaro Campos Ramos, 2
36207 Vigo
Teléfono
986 26 12 89
Fax
986 26 12 89
Email
Este enderezo de correo electrónico está protexido contra os robots de spam; necesita ter Javascript activado para podelo ver
Presidente
Antonio Collazo
A comezos do ano 1976 un grupo veciños-as constitúen a xunta xestora da Asociación Veciñal de Teis, proceso que culminaría coa elección da primeira xunta directiva veciñal no mes de setembro dese mesmo ano.
Desde a asociación veciñal canalizamos as demandas e reivindicacións da veciñanza do barrio ante as diferentes administracións. Nos últimos anos a nosa actividade céntrase no seguintes ámbitos:
Plan Xeral. O novo PXOM tivo forte oposición, especialmente nos barrios periurbanos entre eles o de Teis, coa convocatoria de manifestacións e asembleas informativas e a creación dunha comisión de coordinación cos colectivos de afectados que se reunía periodicamente no local da asociación e que na actualidade veñen de lograr que sexa parcialmente modificado.
Litoral. A asociación traballa pola rexeneración e recuperación do litoral de Teis facendo forza e propostas ás diferentes administracións públicas. Esta liña supuxo a oposición aos proxectos portuarios que incluían aterramentos, degradación e privatización da nosa costa, como o porto deportivo da Lagoa, (sen accesos e licenza municipal, feito coa complicidade do Concello e da Autoridade Portuaria). Mantivemos ademais xuntanzas co novo presidente da Autoridade Portuaria nas que lle foron expostos os problemas existentes no litoral de Teis e aos que estamos agardando resposta.
Avda. de Angel de Lema y Marina. A veciñanza tense mobilizado ao longo dos últimos meses para reivindicar melloras como novas escadas na subida á Trapa ou un semáforo no paso de peóns pola falla de seguranza.
Centro Cívico. A asociación coxestiona o Centro Cívico de Teis, organizando e levando a cabo unha ampla oferta de actividades culturais, educativas e formativas durante todo o ano.
Lingua e cultura. Para frear a tendencia de que a mocidade sexa o segmento que menor uso fai do galego a asociación convoca desde hai sete anos un Certame de Narrativa Curta que está a obter ampla repercusión e participación no barrio. Ademais, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas organizamos unha serie de actividades no Centro Cívico ao longo do mes de maio que inclúen mesas redondas, contacontos e certame literario.
Muller. Desde hai máis de dez anos contamos cunha vogalía da muller que vén organizando numerosos cursos destinados a este colectivo. Este ano impartíronse no local da asociación os de pintura en tea e cristal, coiro e patchwork.
Lecer. No período de verán organízanse excursións para asociados a veciñanza. Neste ano está previsto visitar: Aveiro-Portugal, Festa do Percebe en Corme e a Festa da Empanada en Allariz.
Ao de 30 anos da fundación desta entidade tense demostrado o significado, utilidade e necesidade dunha asociación veciñal en Teis, a cal traballa activamente para a dinamización da vida no barrio, nas reivindicacións e nos conflitos acadando numerosas melloras. Un traballo que resulta imposible desenvolver sen a túa participación.
Compre asemade reflexionar sobre cal debe ser a función da nosa asociación nos vindeiros anos, función que vén determinada polos seus asociados, pola súa veciñanza e polo seu barrio. É por isto que necesitamos agora e sempre da túa opinión e participación.