
A FAVEC pide que non se perda unha infraestrutura sanitaria en Vigo tan importante e necesaria. Unha poboación tan grande que comprende a área de influencia de Vigo non pode verse privada dunha infraestrutura que presta atención a unhas persoas que tan especificamente a necesitan. Vigo non pode perder prestacións sanitarias, senón todo o contrario, debe loitar por mantelas, melloralas e aumentalas no posible.
Pedimos unha solución que impida a desaparición deste servizo sanitario e permita a prestación dunha atención tan necesaria para estes pacientes e as súas familias.
Non entendemos que se estean desprazando os pacientes a lugares moi afastados das súas familias, dificultando enormemente en moitos casos as visitas e o acompañamento.
Non entendemos por que teñen que ser as persoas máis vulnerables e necesitadas as que estean sufrindo directamente a falta de entendemento entre as partes implicadas.
Pedimos que se priorice a atención máis absoluta a estes enfermos e as súas familias para que non teñan que padecer e sufrir dobremente as circunstancias de atención que precisan estes pacientes.
Ante esta situación pedimos unha maior implicación de todas as administracións de cara a que a nosa cidade siga mantendo esta prestación sanitaria.