| Sen eventos |

Constitúe un plan de apoio ás asociacións en resposta ás necesidades básicas que na actualidade seguen sen cubrir nos barrios e parroquias da nosa cidade. A finalidade é documentar ao máximo as solicitudes ao Concello con propostas concretas de actuación en cada barrio e parroquia para poder orientar uns orzamentos municipais que, ano tras ano, deixan sen cubrir moitas das necesidades fundamentais dos barrios e parroquias de Vigo.
O Programa de Acción Veciñal articúlase en base a tres tipos de intervencións:
Visita aos barrios e parroquias e recollida documental das deficiencias: fotografías, informe detallado da situación por áreas de actuación (infraestruturas en xeral, transporte, saneamento e abastecemento, vías e obras, limpeza...) O resultado final foi un completo informe que recolle de forma documentada, con 500 fotografías, máis de 1.000 deficiencias e demandas en 33 barrios e parroquias da cidade. O documento foi entregado por rexistro no Concello de Vigo o 16 de febreiro de 2006.
En xaneiro de 2007 o goberno local aínda non deu resposta a este informe de necesidades urxentes da cidade e tan só recolleu tímidamente algunhas das demandas nos seus orzamentos de 2006. O Movemento Veciñal de Vigo mantén vivas as súas demandas e abertas vías de diálogo e colaboración cos diferentes grupos municipais para que este informe sexa levado e aprobado de forma íntegra en pleno municipal e tal e como foi concevido: como un traballo serio e rigoroso que recolle as necesidades básicas e urxentes dos barrios e parroquias da cidade de Vigo.