Constitución da Federación

A mediados da década dos 80 foi tomando corpo o órgano de representación de tódalas asociacións de Veciños de Vigo. Durante ano e medio consecutivo estivo practicamente desaparecida. A federación funcionaba de forma plenaria, rotando cada dous meses a representación dunha entidade a outra, ata que a finais de abril de 1987 decídese a creación dunha comisión xestora nunha asemblea realizazada no local de Val do Fragoso.
As seguintes reunións convocadas xa pola xestora acordan a creación definitiva da Federación de Asociacións de Veciños de Vigo, despois dun congreso que tería lugar os días 17 e 18 de Outubro do 1987. Ese congreso desenvolveuse no salón de plenos do Concello coa participación de 29 das 32 asociacións de veciños censadas nese momento na cidade. Pese ó prolongado das discusións, acadáronse numerosos acordos: procura dun local que servise como sede permanente, contratación dun administrativo, realización dunha asemblea mensual e elección de representantes veciñais nos consellos de empresas municipais. Pero o goberno municipal socialista, encabezado por Carlos Príncipe, rexeitou a maior parte dos conselleiros propostos para Emavisa, VigoZoo, Universidade Popular, Centro Deportivo Municipal e Museo de Castrelos.
O Concello só aceptaba un representante Veciñal por empresa, alegando que estaba pendente a revisión dos estatutos de cada organismo. "Nunca estivo no ánimo das AA. VV. crear un poder paralelo á corporación municipal, pero si reclamar a nosa participación nos distintos consellos para que os veciños sexan atentidos a través dos seus representantes", asegurouse nun comunicado. En Agosto apróbase unha proposta ó pleno para aceptar definitivamente os potavoces veciñais propostos pola Federación para os servicios municipais
Os estatutos da Federación aprobáranse nunha asemblea desenvolvida en Coruxo o 28 de Xullo de 1988. Por imperativo do Gobernador Civil esíxese que se lle poña un nome concreto o colectivo para poder legalizar a organización, así xorde o nome de "Eduardo Chao", antigo ministro da república nacido en Ribadavia pero moi ligado a Vigo e símbolo de honestidade. Outros nomes que se barallaron foron o do arquitecto Antonio Palacios e o do heroe da Reconquista Cachamuíña. A decisión adoptouse o 16 de Setembro de 1988.
A primeira Xunta Directiva foi elixida o 26 de Novembro. Representantes de 15 AA.VV. votaron a man alzada os nomes dos que formarán a Comisión Permanente. José Antonio Bastos Rodríguez, da asociación de Castrelos converteuse no primeiro presidente da entidade. Xunto a él estarán Antón Bouzas ("Casco Vello") como secretario, Manuel da Veiga (Calvario) como tesoureiro, e Cándido Iglesias (Coruxo), Carmen Fernández (Val do Fragoso), Xulio Larragaña (Teis) e Alberto López (Saiáns), no resto das vocalías.