Para a Federación Veciñal a instrución contida nunha circular da Consellaría de Educación é un “disparate inadmisíbel”.
Perante as informacións publicadas no día de hoxe, a respecto de que unha circular da Consellaría de Educación incorporaría unha instrución á dirección dos Colexios Públicos para que impidan o acceso ao servizo de comedores –dependentes da Xunta- ao alumnado que adebede algunha cota, a Federación Veciñal de Vigo cualificou de “disparate inadmisíbel” esa operativa.
Para a FAVEC resulta “case ofensivo” que a administración autonómica decida privar dun “servizo fundamental para moitas familias” por adebedar cotas precisamente nun contexto de serias dificultades económicas por mor do desemprego e a crise. “No canto de axudar ás familias traballadoras que atravesan dificultades a Xunta quere actuar como un acredor implacábel con quen menos pode” lamentan.
Desde o movemento veciñal reclaman a Consellaría de Educación que dea marcha atrás e retire esa instrución, xa que ademais “roza o cinismo tendo en conta as denuncias de demora nos pagos por parte da propia Xunta precisamente no servizo de comedores o pasado curso escolar”, sinalaron. A tal efecto dirixirán unha misiva á Delegada da Xunta de Galiza en Vigo, Lucía Molares.
PROMOVERÁN A IMPLICACIÓN DO CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL
No caso de que o goberno galego non rectifique a Federación Veciñal promoverá que o Consello Escolar Municipal do Concello de Vigo, organismo no que ten un representante, se posicione en contra da devandita medida.
Contidos relacionados:










