A FAVEC defende que o Concello non pode dar publicidade a empresas privadas que xestionan centros de carácter confesional.

Portada do sitio web da Guía de Centros de Ensino do Concello de Vigo

A FAVEC insta á Concellaría de Educación a que retire da nova edición da guía de centros de ensino, desta volta en forma de directorio web (http://www.escolasvigo.org/) e que se lanzou hoxe, os centros de ensino privado-concertado.

O movemento veciñal defende que nun catálogo público do Concello “non se pode dar publicidade a empresas privadas que xestionan centros de ensino en moitos casos de carácter confesional e cun funcionamento pouco, ou nada, democrático”. A FAVEC entende que a oferta educativa que debe divulgar e promocionar a Concellería de Educación é a dos centros públicos, como se fixo en anteriores edicións da guía.

A Federación Veciñal cualifica esta decisión do departamento que dirixe Raquel Díaz como “francamente inoportuna”, xa que “nun contexto de claro ataque contra dos servizos públicos no canto de valorizar e apostar polo ensino público se lle equipara á oferta privada”. Nese senso a FAVEC reitera a súa aposta firme polo carácter público de servizos esenciais como a sanidade ou o ensino.

Por último lembran á concelleira que o mellor xeito de axudar ao ensino público na cidade é atender as demandas e resolver as necesidades dos centros públicos, moitas delas pendentes.


Contidos relacionados:

  1. A Federación Veciñal expresa a súa disposición para asinar “de inmediato” o convenio de colaboración co Concello
  2. A Federación Veciñal demanda ao Concello coñecer o proxecto de Parque Temático en Castrelos.
  3. A Federación presenta no Concello unha moción contra a suba da luz e pide intervir no pleno.