A Federación Veciñal reclama que, en todo caso, os investimentos anunciados non queden en propaganda e se executen.

Para o movemento veciñal de Vigo os orzamentos xerais do Estado (OXE) que ven de presentar o goberno central non atenden ás principais necesidades sociais da cidade. A FAVEC lamenta que os OXE para este ano volvan postergar proxectos como a biblioteca do Estado -á que se lle destinan apenas 20.000€ dos 8 millóns que custará construíla-, a ampliación do Centro de Inserción Social ou a nova depuradora.

A respecto da nova EDAR a Federación Veciñal critica con dureza que só se adiquen este ano 4 millóns de euros en lugar dos 58 millóns que acordaran que se asignarían, mediante convenio, a Xunta e o Concello. Feito que pon en perigo que se poida cumprir o prazo fixado (2015) pola Comisión Europea para o saneamento da Ría de Vigo.

No capítulo infraestrutural e de transporte, a FAVEC denuncia que as partidas dos OXE para Vigo non garanten a execución efectiva de ningún dos principais proxectos (nova autovía a Porriño, autovía alternativa Rande ou a nova Estación do AVE). Así mesmo lamentan que o goberno central non destine ‘nin un só euro a mellorar o transporte ferroviario, nin para a conexión de media distancia nin para o necesario tren de proximidade’. Especialmente grave é para ‘Eduardo Chao’ que non se garanta a viabilidade económica da conexión por tren de Vigo e a fronteira portuguesa.

OPOSICIÓN AOS RECORTES ANTISOCIAIS

A Federación Veciñal cualifica de “antisociais” os orzamentos presentados. Critican con dureza os graves recortes en ensino (-21,9%), sanidade (-6,8%) e gasto social (-4,3%), que advirten afectarán á calidade dos servizos públicos que recibe a veciñanza da Vigo. ‘É infame que, coa que está caendo por mor da crise, se recorten servizos esenciais mentres se manteñen gastos improdutivos e se transixe coa fraude fiscal dos máis ricos’ denuncian ao tempo que esixen que ‘alguén tería que explicar porqué se retiran os fondos para a prevención da SIDA e pola contra se segue a financiar a Igrexa Católica’.

DEMANDAN COMPROMISOS EN LUGAR DE PROPAGANDA

Por último a FAVEC esixe do goberno central compromisos efectivos para executar as partidas detinadas a Vigo. ‘Levamos moitos anos asistindo ao mesmo paripé. Anuncios de cifras orzamentadas que logo non se chegan a executar. Proxectos que quedan en propaganda un ano tras outro’ lamentaron. Lembran que en 2011 só se executaron 391 millóns de euros dos 470 millóns presupostados para a provincia de Pontevedra.


Contidos relacionados:

  1. O movemento veciñal de Vigo demanda un novo Regulamento de Participación Cidadá e orzamentos participativos na súa festa anual.
  2. FAVEC e sindicatos denuncian que os recortes nas ambulancias do 061 son un ‘atentado á saúde pública’.