A Federación Veciñal lamenta a falta de consenso e urxe a creación dun servizo de transporte metropolitano.

A aprobación da Lei da Área Metropolitana de Vigo supón para a FAVEC ‘un pequeno logro na medida en que unha reivindicación histórica da cidade chegou ao máximo nivel de debate político’. O movemento veciñal lembra o seu continuado esforzo en favor do proxecto de organizar Vigo e a súa bisbarra nunha área metropolitana propia, e que se exemplifica na exitosa iniciativa lexislativa popular que no seu momento promovera a Federación Veciñal e que contou co apoio do BNG e do PP.

Porén a satisfacción veciñal é moderada xa que entenden este paso como ‘un avanzo moi limitado’. ‘A Área Metropolitana de Vigo non será unha realidade efectiva se non media a vontade activa dos concellos que a compoñen, e iso esixe dun consenso que neste momento non existe’ do contrario afirman ‘a lei aprobada quedará en papel mollado’. Nese senso a Federación Veciñal reitera o chamamento ao ‘diálogo e ao acordo’ entre todos os axentes implicados e lamenta que esta lei non puidese contar co suficiente apoio político.

POR UN ÁREA METROPOLITANA ÚTIL

A FAVEC insiste así mesmo na reivindicación dun área metropolitana ‘verdadeiramente útil para a veciñanza’. En opinión do movemento veciñal a cidadanía o que non quere é ‘un novo esquelete administrativo baleiro de contidos’ senón ao contrario aspira a que o novo ente ‘mellore os servizos públicos que se prestan’. Iso pasa, en opinión da federación, por ‘competencias reais sen duplicidades e que non supoñan un maior custe’.

‘Queremos unha Área Metropolitana que sirva para mellorar a calidade de vida e desenvolvemento de Vigo e a súa área de influencia, non queremos unha nova estrutura burocrática que duplique servizos doutras administracións’ conclúen.

TRANSPORTE METROPOLITANO

Para a Federación Veciñal a primeira prioridade debe ser a creación dun servizo de Transporte Metropolitano público e integral, que se asente na intermodalidade, xa que é a principal demanda social neste eido.


Contidos relacionados:

  1. A Federación Veciñal solicitou unha xuntanza urxente co Presidente da Autoridade Portuaria para abordar os seus proxectos de recheo.
  2. Xabier P. Igrexas, Secretario da FAVEC: «Aquí estamos o movemento veciñal de Vigo, en pé, preparadas e preparados para seguir a camiñar»
  3. O movemento veciñal vigués iniciará unha campaña reivindicativa contra da suba do recibo da luz.