A Federación Veciñal de Vigo «Eduardo Chao» (FAVEC) nace da necesidade de dar resposta conxunta, por parte do movemento veciñal vigués, aos retos e demandas que unha grande cidade como Vigo comeza a manifestar a partir do seu momento de maior desenvolvemento.

Na actualidade representamos un auténtico punto de encontro para a cidadanía, a vertebración da convivencia nos barrios e parroquias e funcionamos como centro de cohesión e eixo de presión sobre as administracións para obtermos resposta ás reivindicacións da cidadanía dos distintos barrios no seu conxunto.

Hoxe, máis que nunca, resulta imprescindible estarmos xuntos, representar sensibilidades distintas, ser a voz dos excluídos e dos apartados, pero sobre todo ser os auténticos gardiáns das promesas e compromisos que se adquiren ante a cidadanía.

Quen Somos

Unha Federación Veciñal é o órgano que representa á veciñanza dunha cidade. As asociacións de barrios e parroquias da cidade únense para optimizar os recursos e ter máis forza á hora de arranxar problemas, presentar proxectos, xestionar programas… Cantos máis barrios estean federados máis representatividade terá a Federación Veciñal.

A Federación non é unha asociación veciñal máis, as funcións que debe desenvolver son outras. Neste caso, a Federación Veciñal ten que prestar un servicio ás asociacións ,será a través delas ,como chegue á cidadanía xeral.

A Federación baséase nos seguintes principios constituíntes:

  • Democracia amplamente participativa.
  • Xustiza social (dereito a unha vivenda digna, dereito a sanidade pública, dereito a un posto de traballo, dereito a igualdade entre mulleres e homes).
  • Defensa de liberdades públicas tanto individuais como colectivas (liberdade de expresión, liberdade de asociación).
  • Busca constante da convivencia, o diálogo entre as persoas, o desarme e a paz entre os pobos.
  • Así mesmo esta federación declárase ecoloxista, defensora do medio ambiente, do noso patrimonio artístico e cultural.

Obxectivos

Os obxectivos da FAVEC van dirixidos á consecución dos medios materiais, sociais e culturais que fagan da nosa cidade un lugar digno onde vivir e convivir.

Buscamos promover participación en todas aquelas iniciativas ben individuais ou colectivas, que teñan por obxectivo a consecución dalgún dos fins desta Federación ou ben estean encamiñadas á defensa ou mellora dos dereitos e libertades públicas das persoas, colectivos ou pobos en xeral.

Asimesmo fíxanse como obxectivos particulares:

  • Lograr que as asociacions veciñais se fortalezan como un movemento social democrático, homoxéneo, solidario, e con sólida presencia nos barrios.
  • A reivindicación constante dunha maior participación cidadá nas cuestións públicas.
  • A loita contra a especulación do solo.
  • A mellora da calidade de vida, e esixencia dunha maior participación da veciñanza en tódalas decisións que lles afecte.
  • A coordinación dos desequilibros entre barrios.
  • A defensa preferente dos dereitos dos maiores, dos cativos e de todas aquelas personas especialmente marxinadas e explotadas, na procura de que na nosa cidade existan lugares onde se poida xogar, educarse, xuntarse e convivir.
  • A defensa dos dereitos das mulleres dentro e fora da Federación, a denuncia dos malos tratos.
  • A búsqueda da unidade de tódolos veciños e veciñas de Vigo e, por conseguinte, das súas organizacións representativas.
  • A defensa da calidade de vida da veciñanza en tódolos seus aspectos (alimentos, auga, aire libre, escolas, vivendas, sanidade pública…).

Esta Federación declárase firme defensora de diferentes declaracións, pactos, convenios, cartas e declaracións.

Misión

A misión fundamental da FAVEC é a de “Contribuír a que en Vigo a veciñanza mellore a súa calidade de vida e a que o movemento veciñal sexa un referente na vertebración social da cidade.”.

É mester contextualizar o significado de cada expresión para chegar ao coñecemento profundo da misión da Federación Veciñal:

“Contribuír a que en Vigo…”
A FAVEC, e en xeral o movemento veciñal, é un axente implicado nun territorio específico coma Vigo, tanto nas súas parroquias como nos seus barrios, así como na globalidade da cidade. Non é o único pero si representa a unha poboación ampla, estea ou non asociada.

“… a veciñanza…”
Os destinatarios últimos da acción veciñal, tanto da federación como das asociacións, son os veciños e veciñas como individuos que habitan un territorio e como grupo humano que ten unhas necesidades de espazos para xerar relacións, comunicación e vínculos interpersoais.

“…mellore a súa calidade de vida…”
A calidade de vida da veciñanza é o eixo central da acción veciñal, tendo que contemplarse tanto na súa dimensión material (infraestruturas, espazos para a convivencia, medio ambiente, etc) coma na súa dimensión inmaterial (educación, cultura, ocio, memoria histórica, etc). Fai referencia á cobertura de necesidades básicas (subsistencia, traballo, seguridade, relacións interpersoais, etc) así como necesidades de autoestima (ser aceptado nunha comunidade, poder desenvolverse como persoa dentro desa comunidade, etc). Non se quere considerar dende a perspectiva de individualismo consumista.

“… o movemento veciñal sexa un referente…”
A FVEC en canto entidade de segundo orde (os seus asociados son as asociacións veciñais) ten a responsabilidade de liderar o movemento veciñal, atendendo ás distintas sensibilidades e puntos de vista dos seus membros e buscando puntos de encontro que posibiliten definir un modelo de actuación coordinado e coherente coa súa misión.

“…na vertebración social da cidade.”
Complementariamente a buscar a mellora da calidade de vida, a FVEC ten un papel determinante en promover que a sociedade viguesa se organice e participe, a que se atendan a tódolos segmentos de poboación (nenos, maiores, colectivos con risco de exclusión social) e a que se coide o entorno e a identidade da veciñanza.