Constitución da Federación
A mediados da década dos 80 foi tomando corpo o órgano de representación de tódalas asociacións de Veciños de Vigo. Durante ano e medio consecutivo estivo practicamente desaparecida. A federación funcionaba de forma plenaria, rotando cada dous meses a representación dunha entidade a outra, ata que a finais de abril de 1987 decídese a creación dunha comisión xestora nunha asemblea realizazada no local de Val do Fragoso.
As seguintes reunións convocadas xa pola xestora acordan a creación definitiva da Federación de Asociacións de Veciños de Vigo, despois dun congreso que tería lugar os días 17 e 18 de Outubro do 1987. Ese congreso desenvolveuse no salón de plenos do Concello coa participación de 29 das 32 asociacións de veciños censadas nese momento na cidade. Pese ó prolongado das discusións, acadáronse numerosos acordos: procura dun local que servise como sede permanente, contratación dun administrativo, realización dunha asemblea mensual e elección de representantes veciñais nos consellos de empresas municipais. Pero o goberno municipal socialista, encabezado por Carlos Príncipe, rexeitou a maior parte dos conselleiros propostos para Emavisa, VigoZoo, Universidade Popular, Centro Deportivo Municipal e Museo de Castrelos.
O Concello só aceptaba un representante Veciñal por empresa, alegando que estaba pendente a revisión dos estatutos de cada organismo. «Nunca estivo no ánimo das AA. VV. crear un poder paralelo á corporación municipal, pero si reclamar a nosa participación nos distintos consellos para que os veciños sexan atentidos a través dos seus representantes», asegurouse nun comunicado. En Agosto apróbase unha proposta ó pleno para aceptar definitivamente os potavoces veciñais propostos pola Federación para os servicios municipais
Os estatutos da Federación aprobáranse nunha asemblea desenvolvida en Coruxo o 28 de Xullo de 1988. Por imperativo do Gobernador Civil esíxese que se lle poña un nome concreto o colectivo para poder legalizar a organización, así xorde o nome de «Eduardo Chao», antigo ministro da república nacido en Ribadavia pero moi ligado a Vigo e símbolo de honestidade. Outros nomes que se barallaron foron o do arquitecto Antonio Palacios e o do heroe da Reconquista Cachamuíña. A decisión adoptouse o 16 de Setembro de 1988.
A primeira Xunta Directiva foi elixida o 26 de Novembro. Representantes de 15 AA.VV. votaron a man alzada os nomes dos que formarán a Comisión Permanente. José Antonio Bastos Rodríguez, da asociación de Castrelos converteuse no primeiro presidente da entidade. Xunto a él estarán Antón Bouzas («Casco Vello») como secretario, Manuel da Veiga (Calvario) como tesoureiro, e Cándido Iglesias (Coruxo), Carmen Fernández (Val do Fragoso), Xulio Larragaña (Teis) e Alberto López (Saiáns), no resto das vocalías.
LXVI Aniversario dos Mártires de Sobredo
A coordinadora veciñal «Mártires de Sobredo» considera un símbolo que non debe caer no esquecemento a morte de tres veciños a mans das forzas de orde pública, logo de que un xuiz de tudense pretendese executar un embargo de bens a un veciño de Guillarei por negarse a pagar o foro, o que deu lugar a unha concentación veciñal, contraria a aqueles impostos. A garda civil abriu fogo contra a multitude, matando tres labregos.
O Domingo 27 de Novembro de 1988, coa presencia dos familiares dos falecidos, recuperouse un monumento que fora levantado na Segunda república por suscrición popular e que fora dinamitado pola Falanxe no trascurso da Guerra Civil.
Hoxe en día, os Mártires de Sobredo son referencia histórica da loita contra o poder para intelectuais e galeguistas e a súa lembranza perdura tamén como homenaxe ás entidades que promoveron o progreso do campo galego na época anterior a 1936.
Cea de Pan e Auga
A constitución da Federación Veciñal non sentou ben no Concello, o goberno négalle a participación nos órganos municipais, debido ás críticas que estaban a recibir do movemento veciñal, especialmente no tema da auga.
Ante este panorama, os directivos veciñais optan por continuar coa súa actitude crítica, e nunha asemblea que tivo lugar o 15 de Maio de 1989 nos locais de Val do Fragoso proponse celebrar os dez anos de democracia municicipal cunha cea de Pan e Auga, é dicir, certamente austera, en consonancia co trato que estaban recibindo os veciños.
A resposta do goberno non se fixo esperar e aprobouse unha partida de 370 millóns para a construcción de centros sociais e culturais. E chega o día da cea. A federación emite un comunicado ese 1 de Xullo para deixar clara a postura: os dez anos de democracia municipal serviron para cambiar a vida dos veciños de xeito radical con respecto á etapa anterior, pero, ó mesmo tempo, dende o actual goberno vigués existe unha actitude antidemocrática cara ó movemento asociativo.
O tempo que segue é unha etapa difícil para a federación veciñal, que representaba neses intres a 25 asociacións. Pucho Bastos declaraba: «A idea que teñen os responsables do PSOE do movemento cidadán é dividir por medio das subvencións e que as asociacións funcionen por medio de caciques de barrio ó estilo dos comisarios que implantaron nas fábricas»
Como exemplo daquela etapa cómpre relatar un anecdótico encontro entre o presidente da Federación e o alcalde. Manuel Soto recibiu a Bastos. Cando se cruzan, o rexedor socialista espétalle:»Moi ben come vostede na Federación Veciñal, que o atopo moi gordo». E o aludido responde: » Pero eu levo a mesma chaqueta e ti xa cambiaches moitas veces». Soto, ofendido, anulou a reunión.
A finais do 1990 toca o relevo na Federación. Pucho Bastos, Antón Bouzas e Manuel Veiga abandonan a dirección tras dous anos de loita contra os representantes municipais. Botan en falla medios económicos e unha maior implicación por parte das asociacións. No movemento veciñal existe a convicción de que o goberno de Soto é o verdadeiro causante da situación que se vive.
A asemblea desenvolvida o 19 de Outubro no local social de Sárdoma converte a Amador Fernández en novo Presidente. Xunto a él estarán Xabier Pérez (Val do Fragoso) como secretario, José Manuel Pérez como Tesoureiro, e José Rodríguez (Alcabre), Xulio Larrañaga (Teis), Vitorino Enríquez (Coia), e Celso Rodríquez (Calvario) como Vocais.
Comeza a organizarse un novo sistema de traballo que acabará dando os seus froitos. Así, en Decembro créanse comisións de traballo para áreas como urbanismo, tráfico, cultura e medio ambiente. No ano 1991 chega a cita electoral. A mediados de Xaneiro Soto cita a Federación veciñal e o día 21 asina un protocolo de participación polo que recoñece a esta entidade, que englobaba a 25 asociacións, como representante lexítimo do movemento veciñal da cidade.
A privatización da Auga
No ano 1989 a Federación de Asociacións fai público un documento onde denucia que o 80% da superficie de Vigo carece de abastecemento de Auga. Unhas 90.000 persoas estaban afectadas directamente pola situación. A xestión de Emavisa é nefasta. Os ánimos dos veciños andan encrespados, sobre todo en Sanxurxo Badía, onde se producen numerosas roturas de tuberías que, á súa vez, dan lugar a cortes do suministracición eléctrica A Federación promove unha manifestación que ten lugar o 21 de Marzo. Mil cincocentas persoas corean consignas como «O de Emavisa é unha risa», «Pagamos auga e non champaña», nun acto considerado como o rexurdir do movemento veciñal en Vigo tras unha etapa de incerteza. Conseguen que os representantes da empresa de abastecemento os reciban para falar da situación e encargar unha auditoría para coñecer o estado da empresa. Ante a situación de Emavisa o governo socialista decide privatizar o servicio. Soto esgrime tres razóns para xustificar esta decisión: imposibilidade de acadar investimentos da Xunta para completar as obras de abastecemento e saneamento, contar cunha empresa especializada para mellorar o servicio, e evitar as «guerrillas políticas» que causa o tema.
A federación promove reunións para debater o asunto. O 16 de Xuño iníciase a campaña contra a privatización de Emavisa, cunha ampla fronte popular. Cerca de 5000 veciños saen a rúa en contra desta medida.
A incineradora de Navia
O concelleiro Agustín Arca abandeira o proxecto dunha planta para queimar as 300 toneladas diarias de lixo que producía Vigo. Primeiro descartou un emprazamento no Lagares por tratarse de Zona de protección ambiental. A A.VV. «Emilio Crespo» en concorrida asemblea, rexeita a incineracora e anuncia unha forte contestación social se o Concello segue adiante. As razóns que alegan os veciños son a proximidade das vivendas e a repercusión sobre un espacio tan turístico como é Samil.
O domingo 3 de Marzo máis de 2000 veciños cortan o tráfico en Samil. Recollen 15.200 firmas, que son ,menosprezadas polo Voceiro municipal Carlos Príncipe: «Son muy pocas si se comparan con el número total de personas censadas en el municipio vigués, que es de 280.000 «. Tras diversas accións veciñais, tralas eleccións que farán a Soto perder a alcaldía o governo entrante desbota a idea da incineradora e decide ampliar o vertedoiro.
Tráfico de Drogas e inseguridade cidadá
Principiando a década dos noventa, a movemento veciñal vive de cheo un problema cada vez máis preocupante en Vigo: a drogadicción. Distintos barrios da cidade están a denunciar a presencia de «camellos» e narcotraficantes e conveñen en organizar unha manifestación.Esta ten lugar en Maio na Doblada, con participación das Asocacións implicadas, e o apoio da Federación, comerciantes, sindicatos e partidos políticos.
A mensaxe dos veciños ten dúas vertentes, esixir medidas de protección, e outra social, prevención fronte á represión. Ponse en marcha o primeiro plan veciñal preventivo de drogas. Os mosaicos informativos expoñen a filosofía con esta sentencia do emperador Adriano: «Estaba de acordo en morrer, pero non en asfixiarme. A enfermidade fainos sentir repugnancia ante a morte e queremos sandar, o que é unha maneira de querer vivir». A actuación pretende incidir sobre o consumo de narcóticos e bebidas alcólicas por parte dos rapaces de entre 15 e 25 anos na zona histórica da cidade, onde proliferan os locais de copas e onde viven máis de 5.000 familias que nas fin de semana pasan a ser preto de 7.000.
Nalgúns barrios chéganse a crear patrullas cidadáns para combater os roubos e agresións. Os representantes veciñais rexeitan frontalmente esta postura e advirten que a represión da delicuencia debe quedar en mans da policía e da xustiza. O problema require solucións distintas, as asociacións veciñais popoñen medidas de integración social para o colectivo de drogodependentes.
Voz nos plenos e dereito a referendos
En decembo de 1991 aprobouse definitivamente o regulamento de Participación cidadá no Concello de Vigo. O movemento veciñal despois de trece anos de democracia municipal protagonizando moitos enfrontamentos cos sucesivos gobernos, consegue xa en 1992, a entrada en vigor dun documento que debe regular a súa intervención na vida municipal e lle confire todo tipo de dereitos. O goberno tripartito mantivo seis meses de intensas negociacións coa Federación «Eduardo Chao».
Algúns dos puntos deste texto son:
- O Concello, de acordo coa lei de réxime local, poderá someter a consulta popular os asuntos de competencia propia e carácter local que sexan especialmente relevantes para os intereses dos veciños, excepto os relativos á facenda local.
- Os representantes das diversas entidades, colectivos de interesados ou veciños, poden intervir naquelas comisións informativas nas que figuren asuntos que lles afecten.
- A Comisión de goberno, se o considera oportuno, poderá convocar ós representantes de entidades ás súas sesións.
- Calquera entidade inscrita no rexistro poderá manifestar a súa opinión sobre temas de especial trascendencia nas sesións do pleno da corporación.
-Crearanse consellos municipais, como mínimo nas seguintes áreas: urbanismo, saúde, cultura, escolar, deporte, seguridade, económico-social, benestar social, muller, medio ambiente e xuventude. A composición será sempre dun presidente (alcalde ou delegado), un representante da Federación de Asociacións de veciños, un representante da asociación afectada, e un membro por grupo municipal.
-Os consellos territoriais son órganos desconcentrados de xestión e canles de participación e expresión dos intereses específicos da poboación das distintas zonas en que sexa dividido o Concello de Vigo.
-Nos órganos rectores das empresas municipais e mixtas estarán presentes representantes do movemento cidadán.
- As asociacións de veciños poderán recibir no seu domicilio social as publicacións que edite o Concello e acceder ó uso dos medios públicos, especialmente locais municipais e medios de comunicación.
- O Orzamento municipal incluirá unha partida destinada especialmente ás asociacións.
- As entidades cidadás inscritas no rexistro municipal poderán ser recoñecidas polo Concello como entidades de utilidade pública na medida en que o permita a lexislación (o cal suporía gozar de beneficios fiscais).
Moitos puntos aínda están sen desenvolver en todas ás suas posibilidades ou en ningunha.
Elaboración do Plan Xeral do 1992
A Asemblea Xeral da Federación «Eduardo Chao» do día 23 de Setembro de 1991 supón o pistoletazo de saída para a decisiva participación das asociacións de veciños na elaboración dun novo plan xeral de ordenación urbana (PXOU) de Vigo. Nesa xuntanza acordouse ampliar a comisión de urbanismo da organización veciñal para ir traballando activamente no documento. Ó mesmo tempo, aplaudiuse a anulación por parte da Xunta de Galicia da adaptación do plan de 1988 á Lei do Solo, que levaba nove anos de polémica tramitación, por conter «unidades de actuación de claro contido especulador e cunha densidade urbanística desproporcionada».
A federación veciñal e o Colexio Oficial de Arquitectos canalizaron as propostas que xurdiron tanto nas parroquias como nas asociacións. O plan xeral foi aprobado polo Concello en Outubro do 1992 cun alto grao de consenso pola Xunta en 1993. Este foi o primeiro intento serio da administracióm local de contar coas suxestións e achegas do movemento veciñal na planificación urbanística da cidade.
Recheo de Bouzas
Ó longo dos anos setenta o litoral de Bouzas sufriu aterramentos practicamente sen control promovidos pola Xunta de Obras do Porto para a construcción dun polémico recheo da Zona Franca. Durante anos os vertidos de terra alternaron con vertidos de lixo e de todo tipo de refugallo de obras e de industrias sen se ter feito previamente un estudio de impacto ambiental.
A creación dun comité de Defensa da Ría de Vigo, no que participaban activamente a A.VV. de Alcabre e a Federación de Mariscadores, foi determinante para crear unha conciencia ante a opinión pública. Un informe do Institututo de investigación Mariñas expón que o impacto do recheo pode ser maior que os colectores que verten directamente á ría. A asociación de Bouzas apoiaba o soterramento coa esperanza de que conseguiría dotacións sociais para a parroquia. No ano 87 xorde un grupo opositor que emprende medidas legais para impedir o paso dos camións.
O 21 de Xuño do 1994 sentaron na bancada, acusados de delicto ecolóxico, a presidenta da Autoridade portuaria de Vigo, Elena Espinosa, o seu antecesor, José Martínez, e o enxeñeiro do porto vigués Joaquín Colunga. O xuízo durou cinco xornadas. Aquel xuízo servíu para espertar conciencias. Ademais de servir de denuncia ante a agresión que tiña sufrido durante tantos anos a costa de Bouzas.
A Guerra do lixo
A comezos de 1993 as parroquias que sofren os problemas do lixo de Vigo mobilízanse para esixir solucións. Valadares, Coruxo, Matamá e Comesaña reclaman o peche do vertedoiro do Zondal, practicamente ateigado, e da obsoleta planta incineradora. A Federación de Veciños apoia as peticións e participa nunha marcha ó vertedoiro do Freixo, o 31 de Xaneiro, para reclamar da Xunta a construcción dunha planta de tratamento de residuos.
Malia as promesas recibidas en incontables ocasións polos sucesivos gobernos municipais, o Zondal segue recibindo todo tipo de materiais, incluído tóxicos, e afectando de xeito moi directo ó Barrio do Freixo, onde nace unha asociación veciñal expresa para tratar o problema.
A necesidade de construir unha planta de tratamento do lixo estaba fora de toda dúbida. Non é de estrañar pois o fondo malestar que causa a decisión do alcalde de Mos, de impedir a súa contrucción nunha zona que xa estaba apalabrada neste municipio.
Os sindicatos acompañan a Federación nesta loita para esixirlle ó goberno autonómico que cumpra os seus compromisos. O 12 de Marzo veciños de Vigo acoden a Santiago para manifestarse e entregar no rexistro da Xunta o «Manifesto en defensa de Vigo».
O baile de lugares onde propoñen a planta de transferencia de residuos urbanos que a Xunta de Galicia tiña que construir en Vigo, converteuse o primeiro semestre de 1994, nun dos maiores conflictos que viviu a cidade en periodo democrático. Ata que no mes de Maio o alcalde Carlos Príncipe confirmou a construcción na franxa portuaria de Guixar, da que enseguida sería coñecida como a «empacadora». Marcáronse e posteriormente desmarcáronse, as parroquias de Cabral, Bembrive, Puxeiros, e Coruxo.
A oposición en Teis dos colectivos do barrio foi clara dende o primeiro momento, incluída a da A.VV. e as 17 entidades do Plan Comunitario. Consideran a planta de lixo unha nova afronta para a parroquia especialmente castigada nas últimas década (depósitos de Campsa, vías do tren, autoestrada, estaleiros, vertidos na Guía…) e case sen equipamentos sociais. O goberno tripartito, pola súa banda, basea a decisión na presencia do ferrocarril, que servirá para transportar o lixo ata a planta coruñesa de Cerdeda.
A presión que exerce a Federación «Eduardo Chao» ante o alcalde para urxir a construcción dunha planta que permitise o peche do vertedoiro do Zondal, causou un fondo malestar en Teis e favoreceu un clima de desconfianza cara a Asociación de Veciños. O 29 de Xuño, dúas asociacións, Calvario e Cristo da Victoria, son expulsadas da Federación por manifestarse publicamente en contra da colocación da planta de residuos. A Asemblea explica que vulneraron un acordo previo. Este consistía en non pronunciarse sobre a decisión que adoptara o goberno vigués, aínda que se respetaría a decisión da asociación de Veciños, do barrio afectado polo emprazamento.
O 3 de Xullo a A.VV. de Teis, aínda que reiterando a súa oposición a empacadora, desvínculase publicamente da comisión de afectados ó considerar que está tendo unha actitude irresponsable nas súas accións. A partir dese momento a fronte de afectados protagoniza a oposición contra a empacadora promovendo alegacións legais e un estudio de impacto ambiental.
A situación complícase ó anunciar a Asociación de Valadares o bloqueo do acceso dos camións ó Zondal, ante a saturación do vertedoiro. Carlos Príncipe ordena na noite do 19 0 20 de Agosto a carga contra medio centenar de persoas que impedían o paso dos vehículos.
A Guerra do lixo II
A partir de Decembro do 94, coincidindo coas obras, prodúcese a batalla campal nun barrio en pé de guerra. Enfrontamentos continuos, barricadas… As obras seguiron adiante e o goberno local mantivo que a inocuidade da planta de residuos se demostraría cando comezase a funcionar.
Centos de pisos en réxime de cooperativa
A entrega de cincocentas vivendas sociais nas urbanizacións de Rivera Atienza, Anduriña e Marqués de Valterra a finais de 1994 supón o remate dun longo e polémico proceso que dera comezo nove anos atrás. A Xunta de Galicia só cumpre así unha parte máis ben pequena das expectativas que teñen moitos vigueses, porque a adxudicación revela que na cidade existe unha lista de espera de arredor 5.000 persoas demandando pisos a prezos asequibles.
O presidente Amador Fernández e Victorino Enríquez, respectivamente, perseguen dende o ano 92 a idea de poñer en marcha cooperativas de vivendas como alternativa para paliar en parte a situación. Logo de moitas conversas co goberno municipal tripartito, en xuño do 94 conseguen pechar a primeira iniciativa. O Concello, recoñecendo que é unha operación de evidente «interese social», facilita os terreos para facer 42 vivendas repartidas en dúas edificacións. A mediados de 1995 o movemento veciñal tiña en marcha a construcción de 106 vivedas en réxime de cooperativa, máis que a Xunta de Galicia. A Federación pretendía facer tamén vivendas unifamiliares na parroquia de Zamáns, nuns terreos próximos á Universidade. O Concello desgraciadamente, non seguiu favorecendo esa política.
O Saneamento máis lento e caro de toda Galicia
Unha sentencia do Tribunal de Superior de Xustiza declara «contra dereito» o sistema de cobro da empresa concesionaria do servicio de abastecemento de augas de Vigo, Seragua, estimando así o recurso contencioso presentado en Novembro do 92 por parte da Federación Veciñal.
Seragua, co beneplácito do goberno vigués, establecerá un sistema de tarifas por treitos segundo a cantidade consumida. Así unha familia viguesa que sobrepasa os 30 metros cúbicos cada dous meses tiña que pagar un 12% máis. Ó longo de tres anos Seragua cobrou polo menos 300 millóns de pesetas de máis.
Mentres os veciños preparaban todo para a devolución o Concello presentou un recurso de casación. Están en xogo centos de millóns, xa que á empresa aínda lle quedan vinte anos para rematar a concesión.
O 19 de outubro do 95 o alcalde e o conselleiro de política territorial, José Cuiña, asisten o inicio das obras da depuradora do Lagares. A solución atopada non deixa de ser confusa. Seragua será quen pague os terreos ós veciños. ¿A cambio de que?. A federación veciñal pide explicacións sen recibir resposta. Pouco despois Seragua sobe o recibo da auga. Ademais este proxecto de 3.000 millóns incumpre as normativas europeas.
A inaguración prodúcese o 28 de Setembro do 1997. A depuradora pode recibir 3.000 litros por segundo, pero só pode darlle tratamento físico á metade, e biolóxico á cuarta parte. A recollida de areas é insuficiente en tempo de intensas chuvias, polo que o proceso se atasca e hai que verter auga ó mar sen depurar. Os veciños sofren ademais intensos fedores cando se descargan os camións dos lodos. As setenta toneladas de lama que se se producen a cotío non teñen destino.
No horizonte só se dexerga unha saída, que a Xunta de Galicia e o Concello de Vigo se empeñan en retardar a ampliación da depuradora a 6.000 metros cadrados, como garantía do seu bo funcionamento e de preservación da calidade das augas da ría.
Quince mil Alegacións contra a suba da Auga
En Outubro de 1995 o concelleiro de Facenda, Gil Sotres, anuncia unha suba xeral de impostos municipais, que se fará efectiva de forma provisional no pleno do 26 dese mes. O recibo do lixo sobe un 5% o de circulación un 10%, o de cemiterios un 12%, o de enterramentos un 5% e o da grúa de vehículos un 14%.
A resposta cidadá vai ser contundente. As asociacións reciben todo tipo de queixas por parte dos veciños. Ante este clima, a Federación veciñal convoca ós socios a unha asemblea urxente. Vintecatro colectivos toman o acordo unánime de iniciar unha campaña de información en contra da suba dos impostos e preparar o prototipo de alegación para que os cidadáns a poidan cubrir. O 4 de Decembro dirixentes das asociacións de veciños de Vigo entregan no rexistro municipal 12.000 alegacións de vigueses fronte á subida dos impostos.
Nos días seguintes suman outras 3000 máis. Manuel Pérez finalmente accede a manter un diálogo coa Federación Veciñal. A xuntanza prolóngase durante dous días e dela xorde un principio de acordo. O goberno vigués esta disposto a rebaixar o incremento de catro impostos e taxas: recollida do lixo, licencias de obra para vivendas unifamiliares e compulsas de documentos. Non irá mais aló. O pleno para aprobar definitivamente a suba terá lugar o 23 de Decembro no medio de fortes protestas e forcexos dos veciños con axentes da policía local.
O movemento veciñal convértese na auténtica oposición municipal. O alcalde preocupado pola situación, accede a debater os presupostos do Concello para 1996 coa Federación nun intento por dar a sensación de diálogo. Os veciños reclamaban máis investimentos nas súas alegacións.
A urbanización de Samil
O 16 de Xaneiro de 1996 o concelleiro de Urbanismo recibe os veciños de Navia para falarlles dun proxecto de avance da ordenación urbanística da Avenida de Samil, no que se propón a construcción de tres polígonos con 500 vivendas aliñados por detrás da rúa que percorre a praia.
Os representantes veciñais saen preocupados, descobren importantes compras de terreos nos últimos anos na zona afectada. A primeira asemblea realizada polos veciños de Navia rexeita as edificacións e accede unicamente á construcción de vivendas unifamiliares.
A Federación Veciñal súmase ás protestas e reclaman a defensa do litoral nun documento conxunto. Preocupa non só Samil, senón un conxunto de temas importantes: A instalación de combustible de Petrovigo, a rexeneración das praias de Alcabre e Teis, os recheos de Bouzas, o Berbés e Guixar, o posible translado dos estaleiros de Beiramar…
As presións obrigan o Alcalde a crear unha comisión para estudiar o proxecto de Samil, da que formarán parte os grupos municipais e os veciños. Ante a inoperancia da comisión, os veciños deciden abandonala e recoller firmas, 20.000 polo menos, que forzaría a convocatoria dun referendo.
O goberno municipal contra ataca modificando o proxecto, aumentando así 48.000 metros cadrados de zona verde. A solución non gusta. O 27 de maio entréganse 28.318 sinaturas de cidadáns que avalan a convocatoria do referendum. A pesar de todo, o Concello segue co proxecto adiante. O goberno municipal rexeitou a convocatoria do referendo, pero a batalla diante da opinión pública estaba gañada, e o goberno acabou desbotando o proxecto.
Pubs ruidosos e Administracións Xordas
Tras moitas protestas populares no ano 1995 o Concello aprobou unha campaña de reducción da contaminación acústica. O barrio histórico era o mais afectado pola proliferación de ducias de locais de copas nas rúas Teófilo Llorente e Real, xunto coa Praza de Portugal e Churruca.
As protestas veciñais tiveron o seu efecto no Concello, aínda que sempre moi retardado. En Outubro do 95 Manuel Pérez anuncia unha campaña contra os locais sen licencia e que incumpran a lei. As inspeccións sáldanse coa orde de pechar once locais e medio centenar de expedientes por irregularidades noutros tantos bares. Os precintos foron transitorios, baseándose en cuestións de hixiene e falla de licencia, non no control de ruídos.
A asociación de veciños continúa e falan de crear grupos de control nocturnos para combater o exceso de ruído, a venda de alcohol a menores. Logo reclaman o cumprimento dos horarios de peche. A asociación denucia que 2 de cada 3 superan o límite de 40 Decibelios permitidos, e que a metade dos pubs teñen licencia de » cafetería sen música».
Ante a forte presión, o Concello propón a creación dunha comisión de ruidos na que figura a participación dos veciños, e que servirá para estudiar os expedientes abertos contra os locais denunciados. Hai pubs que acceden á colocación das «caixas negras», aparellos que controlan o volume da música, outros baixana por temor ás denuncias e algúns vense obligados a funcionar sen música. A loita dos veciños continúa á espera de que a administración actúe coa lei na man.
Contra a privatización da Sanidade Pública
O 10 de Maio de 1994, dependencias da igrexa do Cristo da Victoria, en Coia, acollen a primeira asemblea da Plataforma pola defensa da Sanidade Pública da Área Sur da provincia de Pontevedra. O colectivo promovido por persoas do mundo sanitario, pero estreitamente ligadas ó movemento cidadán, está integrado por 27 asociacións de veciños, catro partidos políticos, cinco sindicatos, e catro colectivos de distintos ámbitos sociais.
Os seus obxectivos fundamentais son catro:
1) Promover a plena utilización de todos os recursos sanitarios públicos da área sur de Pontevedra dependentes do Sergas, a administración local e provincial ou a entidades sen ánimo de lucro, dunha maneira coordinada e integrada.
2) Propoñer a creación do Consello de Saúde da Área Sur de Pontevedra como órgano de participación da administración sanitaria, os cidadáns e os traballadores da saúde.
3) Contribuír á eliminación das desigualdades en relación coa saúde, en termos de mobilidade e de accesibilidade, buscando a equidade no sistema sanitario, con independencia da localización xeográfica dentro da área e do nivel económico, cultural ou social dos cidadáns.
4) Estimular a participación comunitaria nas análise e propostas de solucións, así como nas iniciativas da Plataforma para acadar unha maior conciencia e un maior nivel de saúde.
O detonante da creación da Plataforma é o despedimento de vinte traballadores do centro Hospitalario Povisa. Denuncian que este Hospital se fai cargo de atención especializada sen ter o persoal suficiente, polo que o resultado sería o deterioro da calidade asistencial, agravado cun novo modelo de contratación de mozos menores de 25 anos sen experiencia laboral.
Pero a controversia máis importante virá coa creación do MEDTEC (Instituto Galego de Medicina Técnica S.A.) o que supón a participación efectiva de entidades privadas na xestión das unidades de alta tecnoloxía dos hospitais públicos. O malestar que provoca éconsiderable. A federación Veciñal, sindicatos e partidos políticos súmanse ás protestas. O 14 de Maio ten unha manifestación de repulsa. A participación é de preto de 6.000 persoas, encabezada por unha pancarta «A Federación Veciñal de Vigo en defensa dunha sanidade pública para todos. Non ás privatizacións».
Asociacións veciñais, sindicatos e pártidos políticos progresistas atoparan moi pronto argumentos para defender a postura. Primeiro coa posibilidade de que pacientes tratados polo MEDTEC no Meixoeiro cun fármaco supostamente contaminado co chamado «mal das vacas tolas» desenvolvan a enfermidade de Jakob-Creutzfeldt. Neste caso, os familiares afectados teñen coñecemento dos feitos a través dos medios de comunicación. Logo coa inesperada morte de catro persoas do mesmo hospital, tamén xestionado polo MEDTEC, que resultou contaminado co fungo «aspergillus». Esta situación vai provocar unha denuncia na que se piden responsabilidades penais.
Petrovigo, a pantasma da ría
O 30 de decembro de 1993, a Autoridade Portuaria de Vigo aproba unha concesión para a instalación dunha terminal de abastecemento de combustible a grandes buques no litoral de Bouzas, co obxectivo de dotar ó porto de Vigo dun servicio do que carece e que lle permita competir con Bilbao, Xixón ou Ferrol, que xa gozan de estacións privadas que lle permiten atraer barcos en ruta. A concesión comprende 4.800 m2 en terreos da Zona Franca.
O problema xorde pola intención dos promotores do proxecto de crear unha terminal con capacidade para almacenar 92.000 toneladas de gasóleo, fuel e gasolina en vinte tanques, xa que esto suporía un perigo potencial de incalculables consecuencias para o ecosistema e o sector pesqueiro da zona. Polo que, dende a Plataforma para a Defensa da Ría de Vigo Cíes, dando a coñecer un estudio desfavorable de científicos do Instituto de Investigacións Mariñas no que advertían dos riscos para o equilibrio medioambental da ría, exercemos diversos tipos de mobilizacións para que o proxecto fora retirado.
Así dende a concesión dos terreos, o proxecto queda pendente e aprázase ata que o Concello e a Autoridade Portuaria cheguen a un acordo. E non é ata catro anos máis tarde cando, tras numerosas mobilizacións nos organismos competentes, se resolve o tema, sendo a Autoridade Portuaria a que renuncia oficialmente á inclusión de Petrovigo, sustituíndo parte do servicio, mediante equipamentos de avituallamento en diferentes puntos do litoral, e dando así comezo ó plan especial do porto de Vigo atrasado durante estes anos.
A aberrante idea de crear unha macroplanta de combustible moi preto do Parque Nacional das Illas Atlánticas queda descartada pola loita do movemento cidadán e a súa presión sobre os organismos oficiais.
Sementeiros de cultura
Setenta Grupos Manteñen Viva a Música Tradicional Galega.
As asociacións de veciños xogan un papel moi importante no eido cultural da cidade ó longo das décadas dos oitenta e dos noventa., coa celebración de festas esquecidas (saída da folla, maios, magosto, entroido, …), con cursos, xornadas, charlas e conferencias sobre os temas de interese social, con obradoiros coa súa posterior exposición; literarios, teatrais, fotográficos, gastronómicos, artísticos, … ou a recuperación do patrimonio histórico. Pero se hai unha faceta que distingue o traballo do movemento veciñal de Vigo a prol da cultura de base, esa é, sen dúbida ningunha, a da música tradicional galega.
Así, no ano 1996, coincidindo co rexurdir do folclore galego, que se adentra nunha nova etapa de ouro, contabilízanse nas asociacións ata setenta grupos. A metade son de baile e de gaitas pero tamén hai corais, pandereteiras, cantareiras, instrumentos clásicos e de cordas, conxuntos de danza moderna e de folk. Movendo todos xuntos cerca de dúas mil persoas, na súa meirande parte mocidade que atopa nos locais do seu barrio un refuxio para as súas inquedanzas.
Como froito disto, varios grupos acadan popularidade a nivel galego cos seus traballos, namentres que outros fornecen de músicos a moitas formacións de carácter profesional ou semiprofesional do país. Converténdose así en auténticos sementeiros da música tradicional galega.
A importancia da crecente actividade cultural das asociacións de veciños foise traducindo, aínda que paseniño, en atención e axudas por parte da administración. A sinatura de convenios anuais coa Federación Veciñal permitiu concretar un circuíto de actuacións, conformando unha auténtica rede. É así como a meirande parte dos grupos se dan a coñecer fóra dos seus barrios.
Sen embargo, non sempre foi así. En xuño do 1996 a concelleira de cultura anunciou a rebaixa das subvencións para ese ano á metade do anterior ( catro millóns de pesetas ). Esto limitou as posibles actuacións a unha por grupo. Pero non só era unha cuestión de cartos, pois a concelleira pretendía tamén negociar con cada asociación por separado, negando a participación da Federación Veciñal. Convócase a unha marcha, na que participan setenta grupos de toda a cidade, para protestar pola política cultural do Concello. Os convocantes deixan claro que ademais de faceren un labor cultural, achegándose a tódolos cidadáns, tamén pretenden facer un importante traballo social que merece o maior apoio por parte do goberno municipal.
Os grupos de música tradicional das asociacións de veciños rexeitan ese ano os cartos do Concello en sinal de protesta, aínda que continuarán o seu labor e farán intercambios entre eles.
Servicios públicos en mans privadas
O Movemento Veciñal esixe o control das empresas concesionarias.
O ano 1998 podería ser, en si mesmo, un resumo da loita desenvolvida polo movemento veciññal vigués durante tres décadas: a procura dunha mellor calidade de vida e duns mellores servicios que a administración está obrigada a prestar ós cidadáns. Auga, lixo e transporte urbano son obxecto dunha campaña coordinada dende a Federación Veciñal.
O Concello accede a subir as tarifas de Seragua alegando que a transferencia da estación depuradora do Lagares, por parte da Xunta ó Concello de Vigo, incrementa os gastos en 450 millóns de pesetas para a empresa concesionaria, que debe encargarse do seu mantemento. Por outra banda, o alcalde dá a coñecer a súa intención de agrupar tódolos servicios de limpeza facendo unha adxudicación para quince anos. As dúas medidas vanse xuntar, finalmente, coa suba do billete do transporte público, Vitrasa, ata as 120 pesetas.
Semellaban razóns dabondo para presentar un debate no seo da organización veciñal. O malestar co funcionamento dos servicios privatizados é evidente e, agora, o que se está a barrallar é aumentar a súa capacidade recadatoria. Así, a liña da Federación Veciñal, con respecto a isto vai encamiñada directamente a desmontar as posibles xustificacións do que se pretende facer coas concesionarias.
O tema da auga encabeza as protestas. A suba das tarifas significará que cada familia viguesa vai pagar cando menos catrocentas pesetas máis en cadas recibo, co cal se converte na máis cara de toda Galicia. O vocal de saneamento da Federación expón as razóns para opoñerse. É necesario facerlle unha auditoría a Seragua, que comezou a prestar o servicio no 1990 e que rematará no 2015. Existe a convicción de que a concesionaria non empregou os trece millóns de pesetas pertinentes nas obras de saneamento, xa que moitas parroquias da cidade aínda carecen del, e hai sospeitas de importantes aforros no material empregado a través de subcontratas.
En canto ó lixo, o que se reclama é unha solución lóxica para o problema. O movemento veciñal leva anos apostando polos tres erres; recuperación, reutilización e reciclaxe, e rexeita o plan de residuos sólidos urbanos de Galicia, xestionado por Sogama, sociedade participada pola Xunta ( 51% ) e por Unión FENOSA ( 49% ), por estar baseado na incineración. A macroadxudicación de todos os servicios de limpeza implica a queima do lixo,o que, a longo prazo, pode incrementar os custos do servicio, posto que hai que transladar os residuos á planta coruñesa de Cerceda.
O transporte urbano foi a guinda. Vitrasa convence ó Concello para subir ata 120 pesetas o billete de autobús, máximo histórico. A oposición das asociacións é debida só á esixencia de que se cumpra o prego de condicións que foi aprobado no 1995. Aquel ano o concello outórgalle á empresa por un novo período de vintecinco anos a concesión do servicio. Tres anos despois, faltan liñas, falta o billete de transferencia, faltan marquesiñas, falta o Servicio de Axuda á Explotación (SAE), incúmprense os horarios e tamén a renovación da flota de vehículos.
O 10 de decembro do 1998 o movemento veciñal de Vigo sae á rúa para manifestarse contra os abusos das concesionarias. Con pouco apoio na rúa, as reclamacións quedan enriba da mesa e a Federación Veciñal insiste nelas.
Vintecinco anos despois da formación das primeiras xestoras cidadás, moitos vigueses seguen a loitar pola mellora de servicios tan básicos como o abastecemento de augas, a recollida do lixo e o transporte público urbano.
Abrindo novos camiños
Interrogantes por despexar cara ao futuro debido a que as asociacións de barrio seguen a ter un papel protagonista no acontecer da cidade, débese facer un esquema da súa situación actual e das súas apostas.
Primeiro, compre ver os puntos febles do movemento veciñal:
- A necesidade de acadar unha participación activa das persoas que so acoden ás asociacións para resolver o seu problema puntual.
- Excesivo protagonismo de reducidos equipos directivos.
- Incapacidade para xerar recursos propios que eviten a excesiva dependencia das subvencións. As asociacións non foron quen de implicar na súa actividade a outras institucións ou empresas.
Pero tamén hai que ter en conta outros problemas que requiren unha solución externa. Tal é o caso do insuficiente apoio dos poderes públicos. O mellor exemplo foi cando nun pleno do Concello vigués, o equipo de goberno aprobou cubrir os gastos de auga e luz do Real Club Celta, unha sociedade anónima que move ó ano miles de millóns de pesetas, e que goza de atención privilixiada por parte da clase política. Namentres, as asociacións veciñais teñen que custear cada fin de mes o mantemento duns locais de evidente utilidade pública.
Nesta situación, a Federación Veciñal » Eduardo Chao» presenta novas tendencias que non son as mesmas que as das últimas tres décadas. Xunto a vogalías tradicionais como as de urbanismo, transporte ou saneamento, hai dous campos de traballo que cobran cada vez maior protagonismo: o benestar social e o medio ambiente.
A Federación desenvolve xa programas de formación e emprego e está preparando unha oficina de consumidores e usuarios contra a xenofobia, o problema da drogadicción e a violencia doméstica ( a vogalía da muller creou unha rede de mediadoras a nivel de toda Galicia para atender casos de malos tratos. ).
O capítulo de medio ambiente cobra maior forza. Este capitanea a promoción da reciclaxe nunha cidade que xera máis de trescentas toneladas de residuos urbanos ao día, denuncia a contaminación atmosférica e a acústica producida polos vehículos e os bares de copas, defende a conservación da masa forestal que rodea ao núcleo urbano e promove a recuperación das praias e do conxunto do litoral.
Poderíase dicir que ao movemento vecinal quédalle un longo camiño por percorrer. Por isto normalizar as súas relacións cos poderes públicos é importante. Vigo crece dun xeito rápido e desordenado. Conseguir un movemento de base que axude a facer unha mellor cidade é unha das materias pendente para uns e outros.










