AA.VV. Federadas
Listado
Comesaña - Nautilius Camiño de Sanín, 54
36213 Vigo
Teléfono
986 23 75 72
Fax
986 23 75 72
Email
Este enderezo de correo electrónico está protexido contra os robots de spam; necesita ter Javascript activado para podelo ver
Presidenta
Elisa Castro
A A.V. “Outeiro” de Santo Andrés de Comesaña nace en 1981, fundada por un grupo de mozos da parroquia con idades comprendidas entre os 18 e 25 anos. Toma o nome de “Outeiro” porque é o lugar onde estaba o primeiro local da asociación, antiga escola pública, sendo o primeiro presidente Pablo Prado Álvarez.
Despois dun longo percorrido en solitario como asociación veciñal, chega o momento de crear unha soa entidade conxuntamente coa Sociedade Cultural Recreativa e Deportiva “Nautilius” para ter máis forza nas institucións como organización única da parroquia. Na asemblea conxunta do 3 de Maio de 2004 ambas entidades fusiónanse co nome Sociedade Veciñal Cultural e Deportiva “Nautilius” de Comesaña.
Podemos salientar a acción reivindicativa permanente, xa dende o ano en que nace, cando son moitísimas as necesidades que tiña a parroquia (alumeado, camiños, ensino, sanidade, abastecemento e saneamento de augas etc.) a asociación sempre funcionou como elemento aglutinador das demandas e enlace entre a veciñanza e calquera das administracións.
Esta reivindicación e traballo permanente non só se leva a cabo en torno á mellora das condicións de vida da veciñanza, senón en moitos outros ámbitos como o social, cultural, recreativo, deportivo etc.
Deste xeito, e de forma periódica, durante todo o ano a asociación organiza actividades para que as persoas se realicen no mundo da música e o baile, para iso contamos cunha Coral Polifónica, onde pode participar calquera persoa que o desexe, ademais dun grupo de Gaitas e un grupo de Baile Tradicional para fomentar entre a xuventude o interese polo noso folclore.
Mocidade e maiores teñen en Comesaña un punto de encontro coas novas tecnoloxías grazas á sala de internet na que tamén se imparten clases de Informática.
Mercé á colaboración e á participación, en Comesaña organizamos festas populares onde a parroquia se converte nunha grande familia: a Festa do Veciño, o San Xoán, ou a Festa da Orella serven para compartirmos unha agradable xornada mantendo vivas as tradicións do lugar mentres a da bicicleta dá a oportunidade de percorrer os distintos barrios da parroquia afondando no coñecemento dos seus moitos recunchos cheos de encanto.
A asociación está a facer un esforzo continuado para que a veciñanza se achegue e participe. Os asociados gozan das vantaxes dun servizo de información periódica sobre a súa parroquia, a asociación e información sobre trámites e calquera aspecto que leva consigo o ser residente na parroquia.
Socios e socias poden beneficiarse dunha ampla oferta de cursos para os máis diversos públicos: cursos de bordado, cociña, ximnasia de mantemento, Tai-Chi, así como charlas, saídas e xogos sociais.
En Comesaña precisamos que vos involucredes para mellorar a parroquia, para aprender todos xuntos, para facer máis cousas, para descubrir os encantos dos nosos lugares e das nosas xentes, para pasalo ben e para lograr unha sociedade mais xusta, culta, participativa e democrática.